A empresa NextVision Ibérica, con sede en Compostela e socia da entidade Ineo, vén de obter un importante recoñecemento ao seu labor en materia de servizos de privacidade e calidade vinculados á Sociedade do Coñecemento. Esta empresa de dupla nacionalidade (arxentina e galega), da que falamos para dar conta dun estudo sobre o moito que se arriscan os internautas nas redes sociais, recibiu as certificacións ISO/IEC 27001:2005 de Xestión da Seguridade da Información e ISO/IEC 9001:2008 de Sistemas de Xestión da Calidade, de mans de TÜV Rheinland, entidade certificadora.
No que se refire á primeira das dúas, dicir que se centra sobre todo en avalar que se cumpren os requirimentos precisos para establecer, implantar, manter e mellorar un sistema de xestión da seguridade da información que garanta a confidencialidade e a dispoñibilidade da información, entre outras cousas.
Pola súa banda, o segundo certificado supón un recoñecemento ao traballo desenvolvido nunha empresa a prol da xestión eficaz da mesma e dos seus recursos no obxectivo de cumprir coas esixencias e necesidades dos clientes.
Segundo informa Ineo, a auditoría levada a cabo por TÜV Rheinland, baseouse en todo tipo de estudos exhaustivos sobre a empresa con sede galega, incluíndo entrevistas, análises de actividades e revisión de procesos, documentos e instalacións.
NextVision Ibérica obtén recoñecementos en seguridade informática e xestión da calidade
Compartir Este Artigo
