Durante a xornada de hoxe, Microsoft presentou no Hotel Hesperia Finisterre para a prensa e os comerciais locais o novo accesorio chamado a revolucionar a consola doméstica Xbox 360 ao engadirlle un sistema de control de movemento que non precisa mando, Kinect, froito do moi comentado proxecto Natal, e que está composto por unha cámara que detecta os movementos do xogador, pode orientarse de xeito automático e integra micrófono para recoñecer ordes orais (característica que non estará dispoñible ata primavera).
Tecnoloxicamente estamos ante un concepto sinxelo de entender, pois podemos entender que estamos ante unha solución coma o Eye Toy para as consolas de Sony, pero cunha diferenza substancial: Kinect non recoñece siluetas, senón o corpo enteiro. Temos así unha solución que converte o corpo do usuario no mando, e que detecta a profundidade, o que permite que xogos coma os que podiamos ver ata o momento na Wii de Nintendo (ou nunha PS3 equipada con PlayStation Move), agora poden gozarse na Xbox 360 cuns gráficos de alta definición e unha precisión inédita para un sistema sen controis físicos, detalle que dá moita liberdade aos xogadores, que ven a experiencia fronte a consola como unha festa.
Kinect vai máis aló dos videoxogos, e o sistema de detección de movementos co que conta serve para manexar os propios menús da consola de Microsoft, mentres que a súa cámara tamén pode aproveitarse para o establecemento de videoconferencias con usuarios do MSN Messenger (cos que tamén poden compartirse, por exemplo, galerías fotográficas). A reprodución multimedia tamén xogará un papel importante en Kinect, de xeito que podemos aproveitar toda esta tecnoloxía para manexar os nosos vídeos con xestos ou con ordes orais, tecnoloxía que no futuro podería integrarse en sistemas de cine en casa.
Pero saber o que é Kinect e probalo son cousas moi diferentes, de aí que Microsoft teña que esforzarse en dar a coñecer este dispositivo que porán á venda o vindeiro 10 de novembro por preto de 150 euros (estando tamén dispoñible un paquete cunha Xbox 360 con Kinect por uns 300 euros, facilitando a súa estrea nos fogares na campaña de Nadal, pois moitos entenderán Kinect como toda unha consola nova).

Os que non queiran agardar ao lanzamento oficial de Kinect, poderán achegarse os vindeiros días 5 e 6 de novembro ao centro comercial Dolce Vita de A Coruña para probar en vivo esta revolución que pode converterse nun dos grandes éxitos do Nadal.
Momentos da presentación de Kinect en A Coruña
Amosan na Coruña o novo sistema de control de movemento para Xbox 360: Kinect
Compartir Este Artigo

