
Gamallo destacou na presentación que Europa ten hoxe coma gran desafío o poder participar coma actor global nun mundo cada vez máis multipolar. Sinalou que cuestións coma as negociacións da Organización Mundial de Comercio (OMC), o problema do abastecemento enerxético, a loita contra o cambio climático, o terrorismo e o narcotráfico, non poden ser abordados polos Estados de xeito illado. Para acadar estes obxectivos, Europa dotouse do Tratado de Lisboa e adoptou a Estratexia UE2020 que aposta por un crecemento intelixente, baseado na innovación, na aposta polo valor engadido, na formación e no respecto ao medio ambiente. E destacou que a empresa Blu:sens está na liña de futuro marcada pola U.E.
Pola súa banda, José Ramón García relatou a súa experiencia como presidente e fundador de Blu:sens, multinacional galega especializada na electrónica de consumo. Unha empresa relativamente nova, que só conta con oito anos de vida, pero que en 2008 viviu un proceso de ampliación de capital e expansión que a converteu nun xigante do mercado con presenza en máis de 50 países.
García explicou a dificultade do operar no ámbito tecnolóxico, debido ao gran investimento en investigación que require e aos gustos cambiantes do consumidor, pista que nunca debe perder unha empresa dedicada á electrónica de consumo. Neste senso, loou a política de I+D da Xunta de Galicia quen está ofrecendo «un tremendo apoio á innovación e trazando unhas liñas de traballo correctas para apoiar ao sector».
Este café-debate responde ao compromiso da Fundación Galicia Europa de fomentar a imbricación das nosas empresas no mercado comunitario. Nesta liña, a Fundación organizou este ano múltiples xornadas informativas, en colaboración coas cámaras de comercio galegas, sobre as posibilidades de financiamento europeo e charlas divulgativas sobre a transposición da Directiva de Servizos xunto coas deputacións provinciais.
Mediante estas iniciativas a Fundación quere asesorar sobre os cambios lexislativos comunitarios e potenciar o aproveitamento das oportunidades de negocio que ofrece a Unión Europea.
O presidente de Blu:sens analiza a internalización das empresas galegas
Compartir Este Artigo
