O Padroado da Fundación TIC, dependente da Deputación, aprobou este xoves o Orzamento 2011 e o Plan de Actuación da única Escola de Imaxe e Son da provincia e do seu Centro de Produción de Programas. O presuposto para o ano que vén ascende a 1.570.955 euros, mantendo o mesmo esforzo económico que en 2009 e 2010 e a pesar do adelgazamento do orzamento da Deputación.
Gómez Besteiro sinalou que «en época de crise temos que buscar fórmulas para aproveitar ó máximo os recursos que temos. Por iso, a Fundación terá un novo cometido: apoiar ó novo centro empresarial In Lugo que a Deputación está a construír empregando o andar superior do edificio da TIC, e que permitirá ás empresas probar seus produtos con público real antes de sacalos ó mercado». Estes innovadores centros, que responden á filosofía de laboratorios cidadáns ou city-lab, precisan de abundante material audiovisual como: vídeos corporativos de empresas, gravacións coas opinións do público sobre os produtos, etc.
A petición do Presidente e, segundo o acordo adoptado polo Padroado, en 2011 manterase a gratuidade das matrículas na única Escola de Imaxe e Son da provincia. Gómez Besteiro apuntou que «o esforzo que facemos na Fundación está a obter os seus froitos: no curso 2010-2011 cubríronse por terceiro ano consecutivo todas as prazas nos dous ciclos que impartimos, Realización e Produción, e cada vez hai un maior número de solicitantes. Os mozos xa non teñen que marchar de Lugo para estudar Imaxe e Son».
A Fundación tamén manterá o apoio ós concellos (aos que proporciona material audiovisual de tipo turístico, empresarial, etc.) e a prestación dos seus servizos a entidades sociais e deportivas da provincia, dúas liñas que incrementou notablemente nos últimos anos.
No 2010 foron renovadas as instalacións do Centro de Produción de Programas, que están deseñadas para a docencia e que teñen as mesmas características e distribución de espazos que existen na realidade laboral. Tras esta renovación, procedeuse á adquisición de material co crédito de 400.000 euros que pedira o anterior goberno provincial para a compra dunha mesa de realización e uns cubos multi-pantallas, un equipo técnico que era totalmente desproporcionado para a Fundación, segundo recoñeceron as propias empresas adxudicatarias, que mesmo renunciaron ó contrato.
Con este mesmo crédito, o Centro de Produción de Programas dotouse de equipamentos para o plató, con cámaras robotizadas e cámaras operadas; para o control de realización, con control de máquinas, mesa de mesturas, playout e prompter; e para o control de son, así como do mobiliario técnico dos controis de realización e son, onde os alumnos fan prácticas reais. Tamén dispón dun servidor de almacenamento compartido co que a TIC continuará co importante labor de recuperación, catalogación, custodia e difusión de producións e obras do patrimonio audiovisual da provincia, nunca antes documentadas.
Aproban o orzamento e o plan de actuación para o ano que vén da Escola de Imaxe e Son de Lugo
Compartir Este Artigo
