
Basicamente, a ferramenta consiste nunha interface web que, a través de protocolos de intercambio estándares, é capaz de integrar nun mapa interactivo información xeográfica de moi distinta índole e procedencia. Desta maneira, a información xeográfica que nunha situación de crise por contaminación mariña accidental necesita ser cartografada (como por exemplo a liña de costa, a batimetría, os bancos marisqueiros, os caladoiros, os ventos, as correntes, a posición dos barcos que interveñen no operativo, ou a situación das manchas contaminantes) ponse ao dispor dos responsables de encarar a emerxencia, para así poder combatela do mellor xeito posible.
A ferramenta, un software que a través dunha páxina web integra toda esa información, ten ademais a vantaxe de separar o interface que amosa as capas (cada distinta información), do software que sirve as capas. Isto significa que se trata de dous programas diferentes: un o que pon a información en internet, e outro o interface que a recolle, para integrala e representala. Desa maneira, as capas non só poden ser vistas polo interface do INTECMAR, senón por outros que estean máis adaptados a outros usuarios.
No INTECMAR desenvolveuse este servizo web no marco do proxecto ARCOPOL (Atlantic Regions Coastal Pollution Response), dando cumprimento a un dos principais obxectivos desta iniciativa europea, como é o de desenvolver ferramentas e metodoloxías estándares, que contribúan á mellora das capacidades das autoridades locais e rexionais, no que atinxe á preparación, resposta e mitigación da contaminación mariña accidental, especialmente no relativo ós hidrocarburos, sustancias nocivas e potencialmente perigosas e inertes.
O Servizo de Gardacostas de Irlanda interésase por unha ferramenta web desenvolvida no INTECMAR
Compartir Este Artigo
