A secretaria xeral para o Turismo, Mª Carmen Pardo, inaugurou hoxe en Vigo o VII Foro Rías Baixas, baixo o título Bloggers, os novos prescritores do turismo. Este foro forma parte do plan de desestacionalización de Galicia, cuxo obxectivo é aumentar a ocupación dos establecementos turísticos en tempada baixa e promocionar a nosa comunidade a través de produtos diferenciados e novas experiencias.
A secretaria xeral afirmou que este encontro de blogueiros, primeira iniciativa do Plan na provincia de Pontevedra, constitúe un paso cara adiante na innovación da promoción do destino Galicia. Mª Carmen Pardo asegurou que «esperamos que esta experiencia se poida mostrar como un cambio na forma de promocionar o noso turismo» e «ademais a proposta de blogtrip que se realiza aquí constitúe un novo programa que pretende dar un paso adiante na innovación da promoción do destino, e aproveitar as vantaxes do mundo 2.0, a súa axilidade e o seu poder de difusión».
A responsable de Turismo tamén informou de que Galicia é a primeira comunidade autónoma en abrir unha canle de social media a través do seu contact center. A través de Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral, convértense aos axentes de contact center en community managers turísticos. «O obxectivo é que estes dinamicen os contactos turísticos dunha maneira proactiva, a través dos distintos canais –teléfono, fax, email– para atender as consultas dos usuarios», explicou a secretaria xeral. A creación dun cadro de mando específico no que se recollen todos os comentarios que aparecen na Internet sobre os máis variados conceptos turísticos: Galicia, Camiño de Santiago, etc. é un dos aspectos máis novo desta iniciativa.
Segundo datos do último blogtrip de España, 1.828.019 persoas foron impactadas nalgún momento polas publicacións xeradas por esta acción. O Blogtrip Rías Baixas conseguiu nas súas primeiras 24 horas un impacto en redes sociais como Twitter de máis de 2.500.000 impresións; en buscadores como Google aparecen máis de 800 resultados das palabras Blogtrip Rías Baixas; ademais, máis de 20 medios tradicionais incluíron reseñas e novas sobre o mesmo, así como uns 500 visionados de vídeos sobre o visto polos participantes neste blogtrip.
No foro participan como poñentes e relatores expertos blogueiros tan recoñecidos como o consultor turístico Marco Táboas, fundador de Promo-Turismo.com, o xefe de proxectos de Hosteltur, Jimmy Pons, o xornalista Melchor Miralles, a redactora xefa da publicación Hosteltur, Esther Mascaró, e o presidente da Asociación Española de Social Media, Gaby Castellanos. Outros blogueiros destacados no encontros on Victoria Rodríguez, Lasse Rouhiainen, Mauro Fuentes ou Magdalena Camps.
O VII Foro Rías Baixas destaca o papel dos blogueiros no turismo
Compartir Este Artigo
