A páxina web da Xunta de Galicia ofrecerá mañá unha versión en lectura fácil co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Será a través do enderezo xunta.es/facil, que recollerá os contidos que ao longo do día se vaian incorporando ao portal web escritos segundo este sistema de linguaxe, e que se encabezarán coa Declaración institucional do Goberno galego.
A lectura fácil é unha formulación xeral deseñada para facilitar a accesibilidade á información e a comprensión das mensaxes escritas por parte das persoas con diversidades intelectuais ou de aprendizaxe. Trátase dun método configurado para crear contornos psicoloxicamente comprensibles para todos, eliminando as barreiras para a comprensión, a aprendizaxe e a participación.
O sistema de lectura fácil está dirixido a persoas con discapacidade intelectual, aquelas con outro tipo de discapacidade que inflúa na súa capacidade para ler e comprender, ás que padecen deterioro cognitivo por razón de idade ou que precisan de apoio na aprendizaxe e na comprensión lectora, ou a persoas con escasa formación básica ou descoñecemento do idioma.
Este método emprega unha linguaxe simple e directa, con oracións curtas nas que se expoña unha única idea. Os textos son de estrutura clara e coherente, cun tamaño de letra grande, clara e nítida. Evita tecnicismos, abreviaturas ou conceptos abstractos. Nas publicacións, non incorpora demasiada información na páxina, utiliza xeralmente unha única liña para cada oración e os carácteres numéricos en vez da palabra equivalente. Este sistema de lectura recorre, ademais, a ilustracións, fotografías ou gráficos de apoio ao texto para facilitar a súa comprensión de acordo aos tres niveis de lectura que establece.
A páxina web da Xunta celebra o Día Internacional das Persoas con Discapacidade cunha versión fácil
Compartir Este Artigo
