Con motivo dos datos achegados pola Unión de Consumidores de Galicia (descargable en formato PDF) acerca dunha baixada de calidade nos produtos e servizos subministrados polas operadoras do ámbito estatal, datos dos que falamos onte nesta web, cómpre sinalar que para unha das empresas máis prexudicadas polo dito informe da UCGAL, a firma galega R, é preciso facer unha serie de aclaracións. En primeiro lugar, sinala, na dita información só “viña correctamente referenciado o dato do tempo de conexión”, cousa que por outra banda xa foi corrixida dende o devandito organismo e que R agradece publicamente. Polo que respecta ás conclusións do estudo, a compañía galega xa manifestou o seu completo desacordo co punto no que se dá conta dunha baixada de calidade do seu servizo de 2008 a 2009.
R di non entender que se fale disto pero que non se faga referencia aos datos da SETSI (dos que se nutre o estudo dos consumidores) de 2008, datos nos que “R mellorou en case tódolos apartados nese período”. E prosegue: “No estudo indícase que R experimentou unha suba dos seus prezos no establecemento das chamadas nacionais; en 2009 o cen por cen dos nosos clientes particulares contaba na súa liña con chamadas gratis a todos os fixos nacionais; é dicir, ningún cliente de R pagaba falar nin tiña que abonar establecemento de chamada, porque eses conceptos van incluídos na cota da liña”. Ou sexa que, sinala a operadora, “que se limita unicamente cada chamada a 120 minutos, pero o cliente pode colgar e chamar cantas veces queira; se unha chamada excede de 120 minutos, o exceso cóbrase a 0,03€+IVE”.
A maiores, R tamén ten algo que dicir sobre a suba do establecemento que se sinala nos informes, xa que para a operadora galega a Unión colleu de xeito erróneo as chamadas nómades non xeográficas, ou sexa, “os números que comezan por 5”. E segue: “Estes números son moi concretos e non teñen nada que ver nin coas chamadas locais, nin coas autonómicas nin as nacionais”. Para a empresa con sede na Coruña, tamén é importante sinalar que a devandita investigación avalía a calidade dos operadores pero centrándose na telefonía fixa, “deixando de lado servizos máis empregados a día de hoxe polos consumidores, como internet ou a telefonía móbil”.
R deféndese do informe que fala dunha baixada na calidade do seus servizo
Compartir Este Artigo
