O Peirao de Trasatlánticos da Estación Marítima de Vigo acolle dende hoxe mesmo e ata o 29 de decembro a exposición itinerante e interactiva da Secretaría Xeral de Medios Galiciadixital que ademais dos seus contidos habituais, como o tiraboleiro virtual ou o xogo Aerodeslizadores por Compostela, acolle tamén outros relacionados co 25 aniversario da CRTVG. A mostra poderá visitarse de balde en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, agás mañá, día 24 de decembro pola tarde e o 25, que permanecerá pechada.
Durante a tarde de hoxe a delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, a presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo, Corina Porro, a directora da TVG, Rosa Vilas, e o director de comunicación da CRTVG, Fernando Ojea, coñeceron de primeira man a mostra interactiva.
A través desta exposición, que ten a súa sede permanente no Mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela, desde hai máis de dez anos, a Secretaría Xeral de Medios pretende amosar a galegos e galegas de todas as idades os contidos audiovisuais e multimedia realizados por empresas e universidades da comunidade, valéndose para iso dunha experiencia interactiva diferente á dos museos convencionais, na que os visitantes non son simples espectadores, senón que poden participar en todo o percorrido.
Galiciadixital chega ao Porto de Vigo
Compartir Este Artigo
