Se as novas tecnoloxías da comunicación e a creación serven para impulsar a primeira, e facer máis doada a segunda, por que non ían ser útiles para a inclusión social e máis o desenvolvemento persoal? Indo máis lonxe aínda, se temos en conta o que nos di estes días a Fundación Averhó, ata poden contribuír á superación de determinadas doenzas, sobre todo aquelas que poden afectar á nosa capacidade de movemento ou á percepción sensorial. Precisamente co obxectivo de tirar partido das novas ferramentas, máis polo miúdo das ligadas á animación 3D, Averhó organiza na Coruña un curso para persoas con lesión medular. A actividade, que foi inaugurada esta semana polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo (quen lles entregou os diplomas de asistencia aos alumnos do curso previo, a maior parte procedentes do Centro de Promoción da Autonomía Persoal de Bergondo), conta co patrocinio das Fundacións ONCE e Vodafone.
En representación da primeira, acudiu á apertura do curso Luis Crespo, director xeral da entidade, quen salientou a importancia social da iniciativa ao tempo que incidiu no que representa a formación para o traballo das persoas con diversidade funcional, e máis nun país como o galego, onde a taxa de actividade destes colectivos está a día de hoxe por debaixo da media, nun 29,5%.
Polo que respecta á achega de Averhó, dicir que na apertura do curso os seus responsables procederon a expoñer o resumo do seu plan de estudos, artellado en diferentes eidos: animación, expresión plástica, informática, narrativa e audiovisual. Co fin de achegarlles aos asistentes unha idea do gran potencial dos colectivos que atenden e que participan nestas actividades, proxectouse a curta de animación O paseo de Boby por Averhó.
Na inauguración do curso de 3D tamén fixo acto de presenza Antonio Rodríguez, presidente do padroado e xefe de Unidade de Lesionados Medulares do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, quen destacou o bo número de posibilidades de desenvolvemento laboral e persoal que ofrece a creación dixital, teñamos as características físicas que teñamos: “Para facer Avatar non é preciso ter pernas”, resumiu.
Polo que atinxe aos alumnos da actividade formativa, dicir que na súa maior parte son persoas novas, moitas delas lesionadas en accidentes de tráfico. A participación neste curso supón que se familiaricen cun programa de natureza principalmente práctica, para a que se chegaron a desenvolver ferramentas específicas.
Averhó abre na Coruña un novo curso sobre 3D para persoas con lesión medular
Compartir Este Artigo

