A día de hoxe xa son 28 os concellos das catro provincias galegas que asinaron os acordos de adhesión e está previsto sexan un total de 53 os municipios galegos que conten con aulas públicas de acceso ás novas tecnoloxías integradas na Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMit). A Rede, que conta cun orzamento de máis de 960.000 euros en 2011 ten a vocación de estenderse a todo o territorio galego.
Coa sinatura destes convenios ultímanse as actuacións previas necesarias para a posta en marcha da Rede. Unha vez formalizado o convenio o seguinte paso para poder iniciar as actividades da Rede será que os concellos completen os trámites, nun prazo máximo de dous meses, para contratar ao Axente TIC, profesional que atenderá o centro. Segundo se establece nos protocolos de adhesión, os municipios que se incorporan á Rede CeMIT dispoñen dun local que cumpre os requisitos técnicos precisos e ocuparanse do seu mantemento. Ademais, a Xunta abonará aos concellos unha cantidade equivalente ao o 80% do salario do Axente TIC, sendo o municipio o que achegue o 20% restante.
A Administración autonómica porá á disposición do concello unha Carta de servizos e catálogo de actividades da Rede CeMIT, que inclúe cursos de formación, obradoiros, charlas, e facilitará un plan de formación continua para os axentes TIC, aos que tamén facilitará a infraestrutura tecnolóxica necesaria (portal web, correo electrónico, repositorio de contidos…), que lles permita desenvolver o seu labor e posta en común das súas experiencias.
Xa hai 28 concellos adheridos á rede de aulas CeMit
Compartir Este Artigo
