
Baixo a premisa de desenvolver un labor de sensibilización social a través dos novos medios e tamén coa perspectiva de abordar o aforro en chave didáctica, o departamento que dirixe Javier Guerra impulsará unha campaña de información e concienciación sobre un uso racional dos recursos enerxéticos, que busca a complicidade co interlocutor e que está dirixida principalmente a un público infantil-xuvenil.
O elemento central sobre o que se articula esta innovadora iniciativa constitúeo un videoxogo interactivo sobre o aforro enerxético no que os protagonistas, un superheroe da eficiencia, Super-E, e os seus achegados, a Familia Efi, servirán como modelo a seguir, sobre todo para os máis pequenos, de cara a converter a súa nova casa nun fogar exemplo de eficiencia.
As persoas que completen o xogo, que terá como lema «Se enerxía queres aforrar pola túa casa debes empezar» coñecerán, dun xeito fácil e lúdico, as medidas que hai que adoptar nun fogar para aforrar enerxía. O obxectivo é maximizar a divulgación das diferentes actuacións que o INEGA, adscrito a Economía e Industria, desenvolve para instaurar políticas efectivas de utilización racional dos recursos enerxéticos.
Economía e Industria presentará este videoxogo interactivo o vindeiro venres, 4 de marzo, nun acto conmemorativo do Día Mundial da Eficiencia Enerxética, no que o Super-E e a Familia Efi tomarán vida en forma de monicreques. A iniciativa, que se desenvolverá no Hotel Monumento San Francisco, a partir das 11:15 horas, estará presidida polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e polo director do INEGA, Eliseo Diéguez, nun acto público que contará con presenza maioritaria de escolares.
O INEGA sensibilizará sobre o aforro de enerxía a través dun videoxogo
Compartir Este Artigo
