Hoxe celebrouse o pleno do Observatorio da Sociedade da Información de Galicia (OSIMGA), un acto que contou coa presenza da secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, e que serviu entre outras cousas para facer reconto do acadado polo dito centro ao longo do seu primeiro ano de vida. Amais disto, aprobouse o plan de traballo para 2011 ao tempo que se avaliaron en detalle os datos recentes sobre o estado da Sociedade do Coñecemento na nosa terra, datos que segundo apunta o OSIMGA (dependente da Secretaría Xeral de Modernización) confirman “unha evolución positiva” no afianzamento das novas ferramentas entre as galegas e galegos, aínda que a nosa terra segue a achegar valores inferiores en varios parámetros. Por exemplo: no caso de acceso e emprego do computador, Internet e banda larga. Pola contra, constatáronse puntos a favor, como por exemplo o nivel de equipamento TIC no eido urbano ou o uso das novas tecnoloxías entre a xente nova.
Asemade, rexistráronse bos niveis de uso da Administración Electrónica entre a poboación, cada vez máis ao tanto das vantaxes de levar a cabo trámites e operacións a través dos vieiros dixitais.
“As feblezas”, informa Modernización, “están centradas nos condicionantes xeográficos e socioeconómicos, mentres que as principais oportunidades están na capacitación dos colectivos en risco de exclusión e no impulso da Administración Electrónica, xunto coa mellora das infraestruturas de telecomunicacións”. Segundo engade, facendo referencia ao Plan de Banda Larga arestora en activo, as actuais medidas permitiron “reducir nun terzo a poboación sen acceso a Internet na Comunidade”. O informe indica que o medre da conexión a banda larga en Galicia foi dun 21,4% rexistrando un aumento superior á media estatal (11,9%) e europea (8,9%). En canto ao uso da banda larga no fogar, a investigación apunta a que un 46,5% dos fogares galegos ten contratada algunha conexión a Internet mediante banda larga. O informe tamén salienta que “a fenda dixital de xénero en Galicia é inferior á estatal e á europea, cunha diferenza no uso de Internet entre homes e mulleres en Galicia que diminuíu en 3 puntos respecto ao ano 2009”.
Polo que atinxe ás empresas e o emprego que lle dan ás novas ferramentas, dicir que as firmas de 10 e máis traballadores van alén da media europea nos indicadores relativos a dispoñibilidade de computador, conexión a Internet, banda larga e LAN.
Sobre o uso das TIC para a xestión, sinalar que un 22,8% das empresas galegas de 10 e máis empregados que realizan intercambio automatizado de datos envían facturas electrónicas, “experimentando un crecemento interanual do 18,8% pero aínda a 2,3 puntos da media estatal”.
No apartado de formación, dicir que un 18,5% das empresas deste segmento empresarial afirman ter proporcionado actividades formativas sobre as TIC, experimentando un crecemento interanual do 51,6%. Sobre o comercio electrónico, case unha cuarta parte das empresas galegas de 10 e máis empregadas/os levaron a cabo compras en liña durante o último ano, chegándose a unha taxa de uso próxima á media española, que é do 24,1%.
Un dos puntos máis salientables da investigación é o apartado sobre dixitalización das operacións e trámites que implican a firmas e organismos públicos. Segundo se apunta, a galega é a terceira Comunidade con meirande uso de Administración Electrónica entre a cidadanía “para obter información das páxinas web e a quinta comunidade en descarga e cumprimentación de formularios oficiais”.
O Observatorio da Sociedade da Información cualifica de positiva a evolución das TIC na nosa terra
Compartir Este Artigo
