Este xoves o polígono industrial de Bamio no Concello de Vilagarcía de Arousa estreará rede WiMAX de acceso á banda larga. O municipio incorpórase ao proxecto WiMAX en polígonos industriais e parques empresariais que está a desenvolver a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para paliar as carencias no acceso a internet de banda larga nestes puntos e facilitar así a competición no mercado actual ás empresas alí establecidas.
A incorporación a esta iniciativa do polígono industrial de Bamio súmase a outros 31 parques da Comunidade que xa tiñan operativa a citada rede. O obxectivo deste proxecto é solucionar o acceso a internet das diferentes empresas situadas nestes emprazamentos mediante unha actuación que conta cun orzamento de 4,8 millóns de euros, e que, sufragada en parte por fondos FEDER, iniciouse en febreiro de 2008.
A construción das redes nos polígonos baséase en estándares e tecnoloxías que permiten alcanzar altas capacidades e garanten unha elevada dispoñibilidade do servizo. Para iso, instálase unha estación base en cada polígono e as empresas e residentes na zonas de cobertura poderán contratar o acceso a internet de banda larga, desde 2 Mbps ata 12 Mbps, con prezos que parten dos 30 euros mensuais. Igualmente, a estación permite ofertar tamén servizos de voz mediante a tecnoloxía VoIP así como contratar servizos de valor engadido como videovixilancia ou intranet corporativa.
O polígono de Bamio estréase na banda larga a través dunha rede WiMAX
Compartir Este Artigo
