Ozona Consulting, empresa especializada en virtualización de procesos empresariais (servizos na nube), vén de crear unha iniciativa dixital colectiva destinada a impulsar e fortalecer accións de axuda en países en desenvolvemento. Ozona, que estivo hai pouco en Santiago para organizar un encontro sobre cloud computing para as nosas empresas, pretende que a súa Comunidade Solidaria sexa eficaz para apoiar proxectos de responsabilidade social corporativa. Detrás desta iniciativa, poñendo a semente, atópase un grupo de profesionais da organización da oficina de Barcelona. O seu obxectivo é establecer firmes ligazóns coa organización solidaria Intermón Oxfam, que celebra unha proba (Trailwalker) multitudinaria o 7 de maio na dita cidade catalá.
Ozona Comunidade Solidaria parte dunha vontade clara de apoiar o labor desta ONG, tanto dende o seo mesmo da compañía como dende tódolos eidos posibles: socios, clientes, usuarios e provedores. Segundo conta Loreto Torrellas, responsable de Comunicación Interna de Ozona, o obxectivo de crear un equipo e participar na carreira de Intermón Oxfam permitiulle á empresa traballar de xeito conxunto por un ben social, ombro con ombro cos amigos da compañía, sendo a finalidade última converter o equipo no gañador do certame en volume de fondos recadados. De feito, Intermón Oxfam Trailwaker é un concurso onde se procura, precisamente, poñer a proba as habilidades dos participantes no que a recadación de achegas solidarias se refire. A iniciativa ten sitio propio en Facebook e Twitter.
Ozona pon en marcha unha comunidade solidaria para colaborar con Intermón Oxfam
Compartir Este Artigo
