O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou hoxe o videoxogo Se enerxía queres aforrar pola túa casa debes empezar deseñado para concienciar aos cativos sobre a importancia do uso responsable da enerxía, nun acto conmemorativo do Día Mundial da Eficiencia Enerxética.
Javier Guerra explicou que estamos ante «unha iniciativa nova porque conxuga o uso das novas tecnoloxías e dos novos medios coa promoción do aforro enerxético; polo que esperamos teña unha boa receptividade entre a cidadanía e que sexan moitos os usuarios que a compartan, o que, sen dúbida, redundará na súa efectividade e eficiencia».
O videoxogo está protagonizado por un superheroe da Eficiencia e a súa familia, o Super-E e a Familia Efi, que axudan ao usuario a ir construíndo unha casa que é un modelo de aforro e eficiencia enerxética, aplicando sinxelas pautas de aforro. Os rapaces que completen o xogo terán a oportunidade de coñecer, dun xeito lúdico, as medidas que teñen que adoptar na súa casa para aforrar enerxía, que poden complementarse coas iniciativas aforro promovidas desde a Consellería de Economía e Industria, como o Plan Renove de Fiestras, o Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior ou o Plan de Vehículos Eficientes,.
Os rapaces que rematen o xogo, accesible vía web, entrarán a formar parte do sorteo dun cento de agasallos consistentes en papaventos, bicicletas, monopatíns, patinetes, bodyboards e cepillos dentais solares. Este sorteo realizarase de xeito automático pola propia aplicación.
Esta iniciativa constitúe o elemento central sobre o que se artillará unha campaña formativa, divulgativa e participativa que Economía e Industria desenvolverá neste mes de marzo no eido dixital e nas redes sociais para impulsar a busca da eficiencia enerxética a través da complicidade co interlocutor.
Declaracións de Javier Guerra durante a presentación do novo videoxogo para a promoción do aforro enerxético |
O conselleiro, que estivo acompañado polo director do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Eliseo Diéguez García, salientou que a Xunta de Galicia está comprometida coa construción dun modelo enerxético limpo e respectuoso co medio ambiente, baseado na potenciación das enerxías renovables nos máis diversos ámbitos e nunha nova dimensión do aforro e da eficiencia na que Galicia está a ser unha comunidade pioneira, coa adopción de políticas que abranguen todos os sectores económicos e entre as que se atopan a posta en marcha de campañas de sensibilización como a que hoxe arranca.
Pola súa banda, o director do INEGA explicou que «o obxectivo que perseguimos con este videoxogo é o de contribuír ao labor de divulgación para facer posible que o aforro e a eficiencia enerxética sexa cada vez máis unha tarefa de todos».

