Durante a celebración das IX Xornadas CERES sobre Identidade Electrónica organizadas pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT) en Madrid, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, anunciou que Galicia únese a Andalucía, Castela-A Mancha e Canarias ao ofrecer ás entidades públicas galegas o servizo de certificación dixital de balde. Todos os concellos as deputacións provinciais, as 3 universidades, o Consello de Contas, o Valedor do Pobo e o Parlamento poden adherirse de xeito gratuíto ao servizo de certificación dixital que a Xunta contratou coa Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).
Pereira indicou que o Goberno galego está inmerso nun plan de modernización para converter a Administración autonómica nunha administración aberta ao cidadán as 24 horas do día os 365 días do ano.
Dentro deste ambicioso proceso a Xunta adxudicou á FNMT o servizo de certificación dixital e púxoo a disposición de todos os concellos galegos e ás entidades autonómicas para que poidan desenvolver a certificación dixital nos seus trámites administrativos sen custo algún. Con esta medida facilítase a todos os organismos públicos galegos o cumprimento do esixido na Lei 11/2007 de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos
O servizo que proporciona a FNMT permite a incorporación de certificados dixitais non dispoñibles ata agora e doutros que xa se estaban a empregar na Xunta e que agora están tamén dispoñibles para o resto das entidades públicas galegas.
Unha das novidades é o certificado de empregado público que garante que a firma do empregado público que a realiza é realmente dun profesional da administración que emite o documento. É de especial relevancia o uso ilimitado de certificados de empregado público que permitirá a acreditación dos empregados públicos para o desenvolvemento da administración electrónica, grazas ao despregamento de tarxetas criptográficas a todos os funcionarios da Xunta de Galicia. Trátase de certificados recoñecidos que permiten identificar telematicamente os subscritores como Administracións Públicas, e os asinantes como persoas ao servizo da administración pública, vinculándoa con esta.
Esta iniciativa forma parte do proxecto Kronos, que vai poñer en marcha a Xunta, a través de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e que permitirá asociar a estas tarxetas as funcionalidades de firma electrónica e control horario do empregado público.
O contrato coa FNMT permite o acceso outros certificados como o de Sede Electrónica que serve para identificar un portal web e establecer comunicacións seguras, de tal forma que se garante a privacidade e integridade da información que se ofrece, excluíndo a posibilidade de ser vítimas dun fraude. A terceira incorporación á certificación dixital é o selo electrónico, equivalente ao selo en papel e que acredita que o documento está a ser asinado polo departamento administrativo correspondente. Por último, o selo de tempo é a outra ferramenta certificadora nova que imposibilitará a falsificación da data na que se asina un documento.
As administracións públicas galegas poderán empregar de balde o servizo de certificación dixital da FNMT
Compartir Este Artigo
