A delegada territorial, Raquel Arias, e o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, asinaron o documento de adhesión deste municipio á rede de aulas CeMIT (Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia), co que xa son 17 os concellos da provincia que participan deste proxecto.
As aulas CeMIT son unha iniciativa da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica que brinda aos cidadáns acceso gratuíto ás novas tecnoloxías, xa que teñen como obxectivo promover o uso das novas tecnoloxías da información e a comunicación entre a poboación, especialmente nos colectivos onde a fenda dixital é máis evidente.
Raquel Arias destacou a importancia deste proxecto, «que persegue a alfabetización dixital da sociedade galega» e sinalou que o Plan de Formación 2011 para a rede de centros CeMIT recolle unha oferta de máis de 1.000 cursos de balde que se impartirán en 89 concellos galegos, mediante formación presencial e en liña.
O programa formativo está dividido en tres áreas: A alfabetización dixital, a formación multimedia e audiovisual, e a formación avanzada para os profesionais galegos das TIC, microempresas e autónomos así como traballadores da Administración pública.
Deste modo, a rede CeMIT configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a Sociedade da Información na comunidade autónoma. As aulas están dotadas de avanzado equipamento audiovisual e multimedia, contan con acceso a Internet e teñen xa implantación en todas as comarcas de Galicia.
Na liña dos convenios precedentes, o convenio co concello de Barreiros establece que este asumirá as obras necesarias no local, a contratación dunha liña ADSL de alta velocidade con IP fixa exclusiva para a aula e a contratación dunha persoa encargada de atender o servizo.
Pola súa banda, a Xunta acondicionará e dotará o local e abonará aos concellos unha cantidade equivalente ao o 80% do salario do Axente TIC, sendo o municipio o que achegue o 20% restante.
Barreiros súmase á rede de aulas CeMIT
Compartir Este Artigo
