A versión para Android e Maemo do navegador web Firefox 4 deixa de estar en fase de probas, de xeito que os usuarios con terminais compatibles poden xa instalar esta ferramenta que permite levar a navegación web do escritorio ao móbil sen interrupcións (conta con funcións de sincronización do historial, os marcadores, as lapelas e os contrasinais), sendo doado de utilizar e totalmente personalizable.
Xa é posible descargar o Firefox 4 no Android Market, coa súa interface traducida a máis 10 idiomas, aínda que cunha carencia criticada por moitos: non é compatible con contidos en Flash (como si fai o navegador web que inclúen de xeito predeterminado os móbiles con Android).
Entre as características novas do Firefox para Android e Maemo están a súa interface orientada aos contidos web (con lapelas, marcadores cun toque e controis que se ocultan cando non están en uso), atallos para reducir os pasos para acceder a funcións comúns, gardado de páxinas web a PDF para facilitar a súa lectura fóra de liña, engadidos para a súa personalización, sincronización segura e privada e numerosas ferramentas para desenvolvedores de páxinas web.
Para facernos unha idea do que supón a nova versión móbil do Firefox 4 podemos ver o seguinte vídeo de presentación:
O Firefox 4 estrea versión oficial para Android e Maemo
Compartir Este Artigo

