
O proxecto Kronos servirá para acreditar dixitalmente os empregados públicos, o que permitirá implantar un sistema de control horario universal e homoxéneo, estendéndose esta iniciativa a preto de 20.000 profesionais do persoal da Administración xeral da Xunta e da Administración de Xustiza. O proxecto, no cal interveñen as consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e Facenda, xunto coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, arrinca en abril e prevese que estea completado no terceiro trimestre de 2012.
Un dos requisitos para acadar a verdadeira Administración electrónica é dotar os empregados públicos das ferramentas adecuadas para asegurar o desenvolvemento adecuado da súa actividade no novo escenario tecnolóxico. Por iso, a Xunta inicia o proceso para dotar de acreditación dixital os traballadores da Administración autonómica empregando certificados dixitais, que serán expedidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).
O soporte físico da identidade dixital do empregado público será unha tarxeta intelixente con tres dispositivos distintos: un chip criptográfico que albergará varios certificados dixitais, entre eles o de persoal ao servizo das administracións públicas; unha banda magnética cos datos do profesional para o seu emprego en sistemas de información que así o requiran; e identificación por radiofrecuencia para o control de acceso a lugares de paso restrinxido.
Para a expedición destas tarxetas habilitaranse puntos de acreditación dixital (PAD), o lugar onde se emitirán os certificados de empregado público e se xestionará tanto a distribución da tarxeta identificativa como todo o relacionado co ciclo de vida dos certificados.
Poranse en marcha un total de 15 PAD, un en San Caetano, que actuará de coordinador, outro no edificio administrativo de San Lázaro, outros nas delegacións da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol e un punto no edificio dos xulgados de cada unha das 7 grandes cidades de Galicia. Ademais, está prevista a creación de puntos de acreditación móbil para o persoal que non dispoña nas proximidades do seu centro de traballo dun PAD.

O novo sistema de control horario asociado a Kronos estará dispoñible desde calquera ordenador da rede corporativa da Xunta a través da intranet da Xunta. Para o acceso ao sistema, o usuario introducirá a tarxeta corporativa no lector de dispositivos criptográficos do seu PC e, unha vez identificado a través dun código PIN, poderá realizar a fichaxe de entrada e saída desde o seu posto de traballo.
A implantación do sistema de control horario de proxecto Kronos permitirá superar a falta de homoxeneidade que existe actualmente na Administración autonómica nesta área. Hoxe en día non todos os organismos teñen un sistema de control horario mecanizado, algúns empregan aínda a sinatura manuscrita do persoal en papel e noutras entidades contan con sistemas propios. O novo sistema facilitará a obtención de información para a súa análise e toma de decisión por parte dos departamentos de persoal correspondentes.
No último trimestre de 2012 os 19.000 empregados públicos previstos deberán estar en posesión da nova tarxeta. Nesas datas publicarase o Decreto de xornada, control horario, flexibilidade e teletraballo que permitirá a implantación xeralizada do sistema de fichaxe no posto de empregado.
A Xunta dá luz verde ao proxecto de acreditación dixital dos empregados públicos
Compartir Este Artigo
