O Portal Galego de Adopcións, que se puxo en marcha o 24 de novembro de 2010, conta xa con 886 usuarios inscritos, 255 consultas por correo electrónico e 12.967 visitas, segundo explicou a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, en comisión parlamentaria.
López Abella expuxo que este portal pretende ser unha ferramenta útil para todos aqueles que están pensando, teñan decidido ou xa realizaran unha adopción nacional ou internacional. O seu obxectivo é ofrecer información actualizada, práctica e interactiva aos solicitantes, tanto do proceso como dos requisitos e documentación a presentar para a adopción nacional e internacional, ademais de información útil respecto á adopción, abrindo a porta para que, directamente desde o portal, os usuarios poidan formular todas aquelas consultas que desexen.
O portal ofrece información detallada e actualizada país por país, de aqueles cos que se tramitan expedientes, incluíndo: requisitos, forma de tramitación, tipo de adopción, lexislación de referencia do propio país, estancia esixida para a adopción dun menor, documentación a presentar, periodicidade dos informes de seguimento, características dos nenos e direccións e teléfonos das embaixadas en España.
Tamén amosa unha listaxe dos países cos que non se tramitan expedientes, ben por falla de garantías, ben por que o propio país non o considera, así como daqueles países que na actualidade están en fase de estudo.
Para axudar máis nesta decisión, o portal inclúe unha guía interactiva de países de adopción na que o usuario, contestando a 8 sinxelas preguntas, poderá ter unha primeira aproximación de en qué países poderá adoptar. Incluso, poderá coñecer onde non poderá adoptar e porqué, un aspecto importante para aqueles que teñan moi claro a que país dirixir a súa solicitude.
O Portal Galego de Adopcións achégase aos 900 usuarios
Compartir Este Artigo
