Ineo, Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación, celebrou onte a súa Asemblea Xeral de Socios, na que presentou o seu Plan Operativo para o exercicio 2011 no que contempla a captación de fondos por un valor superior ao millóns de euros, a cantidade máis elevada dende a constitución da organización en 2006.
Tamén participou no encontro Isabel Aguilera, ex presidenta de General Electric e Google España, quen impartiu un relatorio sobre optimización, xestión e seguimento de empresas e equipos aproveitando as últimas tendencias TIC.

Jorge Cebreiros, presidente de Ineo, explicou durante a Asemblea Xeral que «o exercicio 2010 foi un ano no que sumamos proxectos, actividades, empresas asociadas e representatividade. Foi un ano positivo, a pesar de que atravesamos unha conxuntura económica complicada que nos obrigan a aplicarnos. Será necesario que as empresas TIC busquen financiamento en fondos europeos, que aposten con maior decisión pola innovación e a especialización e, sobre todo, será necesario perder definitivamente o medo a iniciar proxectos en colaboración con outras empresas TIC e en colaboración con outras organizacións» engadindo tamén que «queremos alcanzar a excelencia empresarial dentro do sector e para iso é moi importante transmitir a imaxe de confianza e fiabilidade que ofrecen as empresas asociadas a Ineo ante as administracións públicas, organismos intermedios, asociacións, empresas e clientes».
O Plan Operativo 2011 presentado na Asemblea recolle as liñas estratéxicas da asociación para este exercicio, seguindo as directrices do novo Plan Estratéxico 2011-2014. Representatividade, cooperación, competitividade e excelencia na xestión son os eixos estratéxicos que marcarán as actuacións de Ineo neste exercicio, co obxectivo de avanzar na súa misión de potenciar a competitividade e o crecemento dos asociados, fomentando a cooperación, a innovación e o acceso a novos mercados.
A internacionalización é unha liña de traballo que destacará especialmente en 2011. Co obxectivo de impulsar a proxección exterior das empresas TIC galegas, INEO colaborará na organización de misións comerciais a mercados de alto potencial tecnolóxico e continuará desenvolvendo accións de posicionamento nos principais foros de innovación nacionais e europeos, entre outras accións.
Ineo presentou o seu Plan Operativo para 2011
Compartir Este Artigo
