A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Burela celebrará 6 cursos e 1 charla durante o mes de maio.
A Aula CeMIT de Burela acollerá 3 cursos de Alfabetización dixital: Iniciación á Informática. As diferentes edicións deste curso desenvolveranse en tres quendas. A primeira entre o 2 e o 11 de maio en horario de 11 a 12:30 horas; a segunda entre o 4 e o 23 de maio de luns a xoves de 16 a 17 horas e a terceira desde o 11 ao 30 de maio en horario de 19 a 20 horas.
Con estes 3 cursos preténdese dotar, aos asistentes, das destrezas necesarias para manexar un ordenador dun xeito básico. Os cursos van dirixidos á poboación en xeral.
Entre o 12 e o 19 de maio celebrarase o curso Alfabetización dixital: Correo electrónico: webmail, co que se pretende dotar dos coñecementos para crear unha conta de correo electrónico coa que enviar e recibir correos de outras persoas. O horario será de 11 a 12:30 horas e a actividade está enfocada á poboación en xeral.
Neste mes de maio impartiranse tamén 2 cursos de Alfabetización dixital: Iniciación a Internet. As datas e horarios destes 2 cursos serán do 20 ao 27 de maio en horario de 11 a 12:30 horas e desde o 24 de maio ao 7 de xuño de 16 a 17 horas.
Con estes 2 cursos amosarase, aos usuarios, as nocións básicas da navegación por Internet co programa libre Mozilla Firefox, ámbolos dous cursos van dirixidos á poboación en xeral.
As actividades do Aula CeMIT de Burela en maio complétanse coa charla: DNI Electrónico, que terá lugar o 30 de maio ás 11 horas, permitirá aos asistentes coñecer como funciona o DNI Electrónico e todos os trámites que se poden facer con el a través de Internet. Esta charla vai dirixida tamén á totalidade da poboación burelense.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Burela, na Casa da Xuventude do concello ou enviar un correo electrónico.
A aula CeMIT de Burela anuncia as súas actividades formativas para o mes de maio
Compartir Este Artigo

