A coincidencia do Día das Letras Galegas e o Día de Internet, ámbolos dous o 17 de maio, reflíctese estes días en diversas informacións que, directamente ou non, reflicten esta saudable coincidencia para a nosa cultura dos máis variados xeitos. Entre as novas que máis afortunadamente cinguen estas celebracións cómpre salientar a que se extrae dos datos achegados pola Dirección Xeral do Libro do Goberno central sobre a presenza nas nosas vidas dos libros electrónicos. No informe, por certo, tamén se dá conta da presenza das diferentes linguas nestes novos formatos de lectura, un apartado do que saímos ben parados: o galego é o terceiro idioma máis editado nos ebooks en España.
Segundo reflicte Galicia Hoxe facéndose eco do estudo, a produción bibliográfica por enteiro foi quen de medrar o ano pasado nun 3,9% en comparación co acontecido en 2009, medre impulsado en boa medida grazas aos novos formatos dixitais. De feito, separando un eido do outro, estes tiveron un incremento do 50% con respecto á edición tradicional, que caeu nun 1%. Por linguas, a maioría das obras publicadas no ámbito do Estado lanzouse nas súas linguas oficiais, ben sexa en papel ou con feitura dixital. Como era de agardar, a meirande porcentaxe abránguea o castelán, cun 84,5%, e logo o catalán, cun 10. O galego representou un 2,4, e o éuscaro un 1,7.
A nosa lingua, no terceiro posto dos ebooks lanzados en España
Compartir Este Artigo
