A Secretaría Xeral de Política Lingüística quere celebrar a vindeira semana, cunha xornada de difusión e presentación de novos recursos tecnolóxicos, a coincidencia do Día das Letras Galegas e o Día de Internet, o 17 de maio. Nesta liña é onde se insire a xornada Letras Galegas e Internet, que se vai desenvolver en Santiago de Compostela o vindeiro 19 de maio e na que colaboran as secretarías xerais de Modernización e de Medios. Como dixemos, o alicerce deste evento é a devandita coincidencia no tempo das súas celebracións, unha circunstancia que para Política Lingüística constitúe “unha boa oportunidade para facer dialogar a estes dous elementos decisivos hoxe para o futuro dos galegos e das galegas”.
E continúa: “As novas tecnoloxías e a lingua son ferramentas básicas para o noso desenvolvemento social e persoal e, cada vez máis, forman parte da configuración da nosa identidade”. Volvendo á xornada do 19, xa nun eido máis específico, dicir que servirá entre outras cousas para a difusión de recursos lingüísticos novos, dispoñibles a través da Rede. Trátase en boa medida de aplicacións impulsadas pola Secretaría Xeral para “contribuír á calidade da lingua e ao prestixio social da mesma”. A xornada poderase seguir por Internet en directo, de 10:30 h a 13:30 h, a través da web do Centro Multimedia de Galicia. O programa de actividades, tal e como se pode ver na Rede, en formato pdf, comeza ás 10.30 horas.
O CMG acolle o día 19 a presentación de novas ferramentas TIC para a promoción do galego
Compartir Este Artigo
