O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde que regula a creación e uso da tarxeta do persoal ao servizo da Administración autonómica. Trátase dunha tarxeta intelixente que permitirá a acreditación dixital dos empregados públicos e posibilitará a xestión da flexibilidade horaria e a implantación do teletraballo.
A tarxeta dota ao empregado público dunha acreditación dixital que identifica de maneira conxunta ao titular do posto de traballo ou cargo e a administración ou órgano no que presta servizo. O certificado prové ao traballador de sinatura electrónica recoñecida co mesmo valor que a sinatura manuscrita, fundamental para poder realizar trámites telemáticos e garantir aos cidadáns o seu dereito de acceder de forma electrónica aos servizos da Administración.
Mediante esta identificación electrónica, permitirase o acceso a sistemas de información e áreas restrinxidas, mellorar o control do acceso aos edificios e instalacións. E, por outra banda, o uso da tarxeta facilitará a implantación do horario flexible, o teletraballo, e o control dos supostos de diminución e redución da xornada.
As tarxetas levarán o nome, DNI e foto do titular, e disporán dun chip criptográfico que permitirá o almacenamento de varios certificados dixitais, terá identificación por radiofrecuencia (chip RFID de proximidade) que permitirá o control de acceso a lugares de acceso restrinxido, e disporá de banda magnética cos datos do titular para a súa utilización en sistemas de información que requiran destes datos.
O DOG publica o regulamento da nova tarxeta dos traballadores da Xunta
Compartir Este Artigo
