Arredor de 50 empresarios, profesionais e investigadores do eido tecnolóxico-dixital participaron o xoves pasado, día 26, na xornada Proxectos de I+D colaborativos en esquemas de axudas nacionais e europeas, organizada en Vigo pola asociación Ineo. O evento, no que tamén concorreron activamente responsables de centros de innovación e de organizacións sectoriais, serviu entre outras cousas para sentar os alicerces de diversos proxectos de innovación a desenvolver dende a nosa terra.
Asemade, informa Ineo, falouse das oportunidades que teñen arestora as empresas do sector e os sectores produtivos de especial incidencia en Galicia (como a pesca, a construción, o metal ou o sector sanitario) para captar financiamento nacional e europeo co obxectivo de impulsar proxectos cooperativos de I+D con potencial para afianzar a nosa competitividade.
O acto, entre outros representantes do tecido dixital galego e español, contou coa presenza de Jorge Cebreiros, presidente de Ineo (encargado de abrir a xornada de traballo) e Javier Echavarri, do departamento de Telecomunicacións do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), quen aproveitou a ocasión para afondar nos métodos máis salientables para atopar apoio orzamentario hoxe en España e Europa coa finalidade de pór en marcha iniciativas de innovación empresarial. Entre estes métodos ou portas ás que chamar, espertaron especial interese os programas NEOTEC, PID, INTERCONECTA e FP7 – Call8.
Amais de Cebreiros e Echavarri, tamén interveu na xornada Luis Sestelo, xerente do centro galego Gradiant, quen enumerou as chaves para impulsar ideas de innovación e convertelas en realidades con capacidade de abondo para atraer financiamento nacional e europeo.
Amais desta liña de relatorios prácticos, o evento complementouse cunha nova entrega do Ineo InnovaMeet, unha xornada dentro doutra xornada que serviu para ir alén do previamente establecido en materia de contacto e comunicación entre participantes, favorecéndose entrevistas de traballo e futuras colaboracións. Nesta xeira de contactos tomaron parte activa empresas tecnolóxicas (achegando solucións TIC) e organizacións de diversas sectores produtivos (mergulladas na busca de solucións TIC), detectando sinerxías e sentando os alicerces para o desenvolvemento de iniciativas de participación conxunta en I+D.
No InnovaMeet acadaron representación eidos sectoriais galegos como os da pesca e os conxelados, construción, metal, sector sanitario e mesmo o ámbito administrativo autonómico. Tamén formaron parte desta xeira diversos centros de innovación como o CTAG, a Fundación Fomento Calidade, Gradiant ou Innovamar, entre outros.
Arredor de 50 representantes das TIC participaron na xornada de traballo de Ineo
Compartir Este Artigo
