A Policía Nacional anunciou hoxe que desarticularan «a cúpula da organización hacktivista Anonymous en España», o que realmente correspondeu á detención de 3 supostos responsables de tal organización en Barcelona, Valencia e Almería. Un dos detidos tería non seu domicilio(en Xixón) un servidor dende o que se coordinaron e executaron ataques informáticos a páxinas web e servizos de Sony, BBVA, Bankia, ENEL e dos gobernos de Exipto, Arxelia, Libia, Irán, Chile, Colombia e Nova Celandia, así como á páxina web da Xunta Electoral Central (o pasado 18 de maio) e ás páxinas web dos Mossos d’Esquadra e da UGT.
A investigación que levou a estas detencións iniciouse en outubro de 2010 a raíz dunha denuncia do Ministerio de Cultura, tras sufrir un ataque de denegación de servizo (DDoS) na súa páxina web en protesta da tramitación da chamada Lei Sinde, á que seguiron ataques á SGAE.
Ao parecer, os detidos ocultaban as súas actividades mediante o cifrado das súa comunicacións e mesmo conectábanse á Rede mediante redes Wi-Fi alleas (2 dos arrestados non contaban cun acceso á Internet de seu).
A Brigada de Investigación Tecnolóxica (BIT) sería o organismo encargado desta investigación, para o que monitorizaron e rastrexaron as redes de chat e as páxinas web de Anonymous tanto estatais como internacionais, analizándose máis de 2 millóns de liñas de rexistros que achegaron a información que levou ás 3 detencións mencionadas por delitos de daños, descubrimento e revelación de segredos e apropiación ilícita.
Reacción na Rede

Así, podemos ler comentarios como que «a policía requisa todas as edición de El lazarillo de Tormes porque o seu autor é Anonymous», «la cúpula fue del Chá Chá Chá…», «a policía detén a Miguel Ángel, máximo responsable da cúpula do Vaticano», e moitos outras frases enxeñosas que non foron caladas polas declaracións de Vázquez asegurando que «cúpula é un xeito de dicilo», concluíndo que «Anonymous vai seguir» pero «desmantelouse o principal servidor en España», o que parece botar aínda máis leña ao lume, pois ao estarmos ante ataques distribuídos non ten moito sentido falar de servidores (e menos se son meros equipos domésticos).
Explicación da investigación por parte da Policía Nacional en rolda de prensa

