Fálase moito de Televisión Dixital Terrestre, haxa ou non haxa interese en facelo, entre outras cousas porque non hai máis remedio que apuntarse á tecnoloxía dixital, en calquera das súas facianas (TDT, cable, satélite, etc) se queremos seguir vendo a TV. Do que non se fala tanto é da radio dixital e de cando está prevista a súa chegada e, sobre todo, de porqué segue a tirarse partido da tecnoloxía analóxica. Con todo, a semana pasada houbo información oficial ao respecto, máis en detalle procedente do Consello de Ministros, que aprobou un plan para impulsar o proceso de dixitalización da radio.
Cómpre sinalar que, en boa medida, esta iniciativa viría a pór orde nun panorama arestora un pouco revolto, con cadeas apoiándose en tecnoloxía analóxica e outras sobre DAB (radiodifusión de audio dixital), un total de 18 do ámbito nacional. O principal problema semella ser a ralentización dun proceso que comezou en 2000 (o do cambio dunha tecnoloxía por outra) e que en absoluto tivo o mesmo pulo có da televisión, nin no incremento de receptores dixitais, nin de oíntes.
Nisto tiveron moita culpa as administracións e os organismos responsables, ao non ter afianzado un estándar internacional que posibilitase o desenvolvemento uniforme e dinámico da radio dixital en Europa.
Entre as medidas que inclúe o novo plan inclúense unha serie de iniciativas directamente encamiñadas a solucionar as devanditas eivas. Por exemplo, a modificación do Plan Técnico da Radiodifusión Sonora Dixital Terrestre (modificación que busca facilitar a implantación da nova tecnoloxía a través dunhas meirandes condicións de flexibilidade entre os licenciatarios, establecéndose o principio de neutralidade tecnolóxica para que se poida realizar a migración a DAB, entre outras cousas) ou o estudo da posible redistribución dos programas dos operadores (permitindo a agrupación dos operadores que teñan obxectivos comúns na súa estratexia de pulo á radio dixital, de xeito que poidan presentar unha oferta conxunta e non competitiva entre si dos programas do múltiple e cunha oferta diferente á da radio analóxica).
Aprobado un plan para impulsar a dixitalización da radio
Compartir Este Artigo
