A nova portada da páxina web de RTVE facilita o acceso ás emisións en directo de TVE (24 Horas, La 1 e Teledeporte)A portada da páxina web de Radio Televisión Española vén de presentar unha nova feitura. A estrea foi esta mesma semana, e entre o máis salientable da nova andaina podemos atopar un meirande fincapé na información (novas) de actualidade e, de entre toda ela, a información acabada de saír do forno. O que se pretendía, de feito, é achegarlle ao internauta, a través dunha primeira vista da páxina en cuestión e do xeito máis sinxelo e directo posible, un completo informe da actualidade. Nesta liña é onde se insire o acceso á emisión en directo das canles de televisión e radio do ente público. Este servizo en cuestión atópase na marxe dereita da páxina web, habilitándose na zona superior, punto por punto, accesos directos ás canles de RTVE. Entre o mellorado da web tamén se conta a disposición das grellas de programación das diferentes emisoras, que agora está máis a man (na parte baixa do sitio, á vista dende o primeiro intre) e que, polo que puidemos comprobar, non nos obriga a perder máis tempo e esforzos dos estritamente necesarios tratando de chegar ao programa que nos interesa.