Dicir que a fenda tecnolóxica é xeracional é caer un pouco na obviedade, pero non por iso hai que deixar de salientalo. Dito doutro xeito: a ninguén se lle escapa que as novas xeracións de hoxe non hai quen as colla coa garda baixa en materia tecnolóxica-dixital, estando máis vixente que nunca iso de que nacen aprendidas, e pola contra canto máis avanzamos en idade máis baixa o coñecemento e a habilidade nesta materia. Sobre isto apóiase unha boa parte do estudo publicado no novo número de Revista de Estudos de Mocidade que edita o Instituto de Mocidade e que reflicten dende Galicia Hoxe. O informe Adolescentes Dixitais, no que colaboran sociólogos, profesores e investigadores, constata o que xa se supuña, que temos unha primeira xeración dixital ao completo, coas súas eivas e puntos fortes en materia de aproveitamento das redes, e unhas xeracións previas progresivamente máis deficitarias en información dixital; e advirte de cousas que nos están a pasar desapercibidas.
Por exemplo: que mesmo nas novas xeracións hai importantes baleiros sobre o alcance e vantaxes da nova era da información. De feito, hai moitas mozas e mozos que descoñecen o amplo espazo de traballo e formación que lles pode achegar a Sociedade do Coñecemento.
Para facérmonos unha idea e segundo se reflicte no estudo, o 85% dos cidadáns de España de entre 16 e 29 anos eran usuarios destas novas tecnoloxías da información, caendo a porcentaxe ata o 60% entre as persoas de entre 40 e 49 anos e ata o 18% entre os maiores de 60. Disto e doutros datos do informe (que conclúe que a fenda é xeracional e que xa non responde a razóns de procedencia social ou de ingresos ou xénero) pode desprenderse que os rapaces tiran o máximo proveito das redes para o seu enriquecemento persoal e para comunicación, pero non é tanto así. Á vista está que os usos que se lle dan ao dixital entre unha boa parte dos adolescentes e os mozos é un uso lixeiro, por así dicilo, baseado na amizade e no lecer. Con todo, cómpre non caer no xenérico, e no informe tamén se incide en que o número de mozas e mozos que segue a preferir a amizade persoal fronte á virtual é moito máis grande que o caso contrario, sen termo de comparación; e tamén se fai fincapé en que tamén medra a porcentaxe de usuarios novos que emprega as redes sociais como punto de encontro e de mobilización para loitar contra a inxustiza e a corrupción. En termos concretos, o 40% das persoas enquisadas destas idades confesaron estar dispostos a ser promotores destas actividades.
Xa está aquí a primeira xeración de mocidade 100% dixital
Compartir Este Artigo
