Hai cidadáns e cidadáns, e hai internautas e internautas. Esta cousa tan obvia e tan en aparencia baleira vén a conto para poñer sobre a mesma a seguinte realidade: nin todos os cidadáns contribuímos na mesma maneira á mellora da sociedade na que vivimos nin tódolos internautas fan o mesmo pola propia Rede e pola cultura da que proceden. Entre as persoas que máis están a enriquecer a Rede coas súas achegas ao tempo que traballan pola preservación do noso están Antonio Reigosa e os seus colaboradores. Reigosa, do que xa temos falado en Código Cero para dar conta da web Galicia Encantada (a páxina sobre esa parte galega que se nos vai perdendo: a parte máxica), é un dos responsables doutra iniciativa de interese etnográfico e cultural con claras ligazóns tecnolóxicas: as polafías.
Segundo nos conta o Consello da Cultura Galega nunha extensa reportaxe sobre a nova liña de traballo de Reigosa (ou non tan nova, xa que está en marcha dende 2007), as polafías veñen da man da Asociación de Escritores en Lingua Galega, a través da súa sección de Literatura Oral. Trátase dunha iniciativa de recuperación e reivindicación da nosa cultura tradicional, historias populares que todas e todos nós escoitamos decote e que, en maior ou menor medida, cáusannos preocupación e inquietude, non polo que se conta (aínda que ás veces tamén) senón polo indefinido que resulta o panorama da súa preservación, nestes tempos en que todo está na Rede e o que non está case non existe. Coa idea de conservalas do mellor xeito posible, alí onde as novas xeracións si que son quen de pegar a orella, o equipo que coordina Antonio Reigosa comezou en 2007 un inxente traballo de colleita destes contos, cancións e historias populares galegas para logo envorcalos á Rede. O traballo despregado ata o de agora é sorprendente: o equipo responsable das polafías xa cruzou a liña dos 300 vídeos de tradición oral en Internet.
“O proxecto ten por obxecto divulgar e dinamizar a oralidade, especialmente no que se refire á tradición oral, e de paso a música e todo o relacionado coa transmisión de cultura por esta vía”, conta Reigosa na reportaxe da CCG a propósito dunha iniciativa cuxo nome deriva da mestura de varias das denominacións que se lles dan ás xuntanzas festivas en varios recantos da nosa terra: fiadeiros, fía, fiandóns, polavilas ou seráns, entre outros.
Precisamente, o método de traballo do equipo responsable desta iniciativa baséase, en boa medida, en tirar o máximo partido destes encontros, especialmente ricos en fluxo de historias populares e cancións tradicionais. Froito deste labor de procura e de rexistro, a páxina do proxecto xa dá acubillo a máis de 300 pezas, gravadas ao longo e ancho das nosas catro provincias, aínda que foi na Coruña e en Lugo onde máis se fixeron debido ao apoio máis directo das súas dúas deputacións.
Polo que atinxe á web e aos vídeos aos que dá acubillo, tecnolóxica e tematicamente falando, dicir que todo está feito para que o camiño do internauta ás pezas en cuestión sexa o máis directo e doado posible. Os rexistros, que aparecen clasificados por xénero, inclúen logo importante información sobre as persoas que contribuíron á preservación dixital das historias, o seu nome, a súa idade, o lugar onde viven, etc. Tamén se achega a posibilidade de puntuar os vídeos e un texto de presentación, ben completiño, onde se nos fai un percorrido pola vida dos contribuíntes.
A Asociación de Escritores reúne na Rede máis de 300 pezas de tradición oral galega
Compartir Este Artigo
