No camiño de estender e mellorar o uso do galego entre os traballadores das nosas administracións, a Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de presentar un novo servizo de formación a través do uso de novas tecnoloxías da información. Máis en detalle, trátase dunha serie de cursos en liña de linguaxe administrativa e xurídica galegas, segundo apunta o departamento da Xunta os primeiros da súa natureza. As actividades, que abren “unha nova etapa na formación específica en galego que ofrece a Xunta”, foron dadas a coñecer este luns 27 na sede da EGAP en Santiago polo secretario xeral, Anxo Lorenzo.
A idea principal é tirar partido do potencial das ferramentas e servizos dixitais máis innovadores, principalmente o seu poder para chegar á meirande cantidade de xente posible e polas vantaxes que ofrece á hora de compatibilizalos con outras tarefas diarias e de crear comunidades en liña. “Estamos a darlle máis facilidades á cidadanía que desexa adquirir ou mellorar a súa competencia en galego, chegando a un público moito máis amplo e tamén ofrecendo un maior número de cursos cun menor investimento”, sinalou Anxo Lorenzo. Segundo fixo saber, para esta primeira convocatoria de 2001 está previstos un total de 18 cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio, 13 para o persoal da Administración autonómica e 5 para a local.
Tamén se realizarán 4 cursos en liña para o persoal da Administración de xustiza de Galicia e para o destinado fóra da comunidade. Ademais desta modalidade de teleformación, a secretaría xeral convocou para este 62 cursos de linguaxes administrativa e xurídica galegas na modalidade presencial, en colaboración coa EGAP, coa Dirección Xeral de Xustiza e co Instituto Nacional de Administración Pública.
Recursos dispoñibles na plataforma web
A plataforma virtual dos cursos dispón dunha sección de recursos na que o alumnado ten á súa disposición diferentes ferramentas lingüísticas, así como outro material de utilidade para o desenvolvemento do curso. Glosarios con termos específicos de linguaxe administrativa e xurídica galegas, materiais básicos de consulta, vocabularios con terminoloxías sectoriais de acceso libre na rede, manuais de estilo e redacción, sitios web desde os que se pode acceder á lexislación de interese para o curso, vídeos relacionados coa materia, e unha hemeroteca con artigos xornalísticos e de investigación vinculados con este campo son algúns dos recursos que o alumnado pode consultar a través da plataforma virtual.
O desenvolvemento dos cursos en liña de linguaxe administrativa e xurídica galega ten unha duración de 75 horas. A realización desta primeira edición de 2011 terá lugar a partir do próximo mes de setembro e cada curso prolongarase un total de oito semanas. As persoas que soliciten os cursos en liña unicamente deberán dispor dun ordenador con conexión á internet, dun navegador web co plugin de flash e dunha conta de correo electrónico.
