A xente que guste de teclear textos na pantalla táctil do iPad podería estar interesada en mudar tal experiencia grazas a unha popular aplicación (para ordenadores) que vén de adaptarse a iOS, e que busca servir de editor de texto sen distraccións, con imaxes de fondo tras o teclado virtual, música etérea e efectos de son cada vez que prememos unha tecla, buscando somerxer ao usuario. Esta ferramenta chámase Ommwriter e pode adquirirse na App Store por 3,99 euros, soportando o seu teclado inicialmente 4 idiomas (inglés, francés, alemán e español).
Ommwriter tamén é unha solución moi axeitada para utilizar cun teclado Bluetooth no iPad, de xeito que a súa experiencia de uso sería igual que na versión para ordenador da aplicación, aínda que o máis natural no iPad parece ser o seu funcionamento cun teclado virtual translúcido, no que quedarán marcados durante un par de segundos as nosas pulsacións.
Os textos producidos con Ommwriter para iPad poden gardarse e compartirse por correo electrónico tanto en formato de texto plano como en PDF, contando o programa con bastantes características configurables (tipografías, músicas…), o que permite adaptalo aos nosos gustos.
Vídeo de presentación de Ommwriter para iPad
A aplicación Ommwriter leva a súa experiencia de escritura sen distraccións ao iPad
Compartir Este Artigo

