O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recibiu esta mañá no edificio administrativo de Campolongo, ao alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, quen aproveitou a visita para firmar coa Consellería de Presidencia o convenio para a compra de material informático para a biblioteca e o centro telemático.
O obxectivo básico da actuación que se recolle neste convenio é a de dotar con diverso equipamento informático a estes centros para poder proceder a súa apertura para o uso público.
En concreto, o convenio permitirá achegar ao concello de Crecente 8.121,68 euros nos que está valorada a adquisición do material informático. O delegado territorial asegurou que «como reflexa o documento, o concello terá que tramitar o expediente de adxudicación do equipamento, mentres a Xunta aportará o 100% do orzamento total da actuación».
O convenio entra hoxe en vigor, trala firma por unha banda do conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, e por outra do alcalde da localidade pontevedresa, Julio Céar García-Luengo, mantendo a súa vixencia ata o 30 de setembro deste ano.
A Xunta facilitará a dotación de material informático para a biblioteca e o centro telemático de Crecente
Compartir Este Artigo
