Esta mañá o Consello da Xunta de Galicia deu o seu prace á sinatura dunha nova addenda entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio do ramo para dar continuidade ao convenio Escola 2.0. Este compromiso, asinado por primeira vez en decembro de 2009, persegue a paulatina integración das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) nos centros educativos galegos, permitindo o uso personalizado dun ordenador portátil por parte de cada alumno e a transformación das actuais aulas tradicionais en aulas dixitais informatizadas.
Para adaptar esta estratexia ás necesidades da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería de Educación continúa apoiando o Proxecto ABALAR, grazas ao cal arredor de 31.500 alumnos e alumnas de educación primaria e secundaria obrigatoria mellorarán as súas competencias dixitais no vindeiro curso 2011/2012. Coa presente addenda engádense máis de 6,4 millóns de euros máis para establecer os mecanismos necesarios para continuar co devandito convenio, achegando novos fondos económicos e cumprindo os correspondentes compromisos de extensión do programa.
A Xunta renova o convenio Escola 2.0 para o vindeiro curso
Compartir Este Artigo
