A nosa terra xa conta dende este luns, oficialmente, cun novo complexo destinado a establecer, pola canle da innovación, un novo e frutífero punto de contacto entre as empresas e o ámbito científico-tecnolóxico universitario. Estamos a falar de CITEXVI, a Cidade Tecnolóxica de Vigo, cuxo edificio foi inaugurado este 18 de xullo por diversos persoeiros da vida política, educativa e empresarial galega e estatal, entre os que se contan o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e a ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia Mendizábal. No acto, desenvolvido no Campus de Vigo (sede de CITEXVI), tamén participaron Salustiano Mato, reitor e presidente do complexo, e Abel Caballero, alcalde de Vigo. A Cidade, que tamén servirá para poñer a disposición dos investigadores da Universidade e das empresas unha plataforma de servizos tecnolóxicos de última xeración, está integrada por catro socios: a Universidade, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, Novacaixagalicia e a Xunta de Galicia.
O edificio inaugurado este luns dispón de 6.700 m2 distribuídos en catro andares. O espazo encamiñado a dar acubillo ás iniciativas de I+D+i e proxectos empresariais é de 3.600 m2, dedicando o resto a servizos xerais e de apoio. Dispón de espazos modulables e multifuncionais de 72 metros cadrados como mínimo, equipados con control de accesos, climatización individual e tomas de acceso de voz e datos a través de tecnoloxías de última xeración. Esta superficie de 3.600 metros cadrados orientada a iniciativas de innovación xa conta arestora con beneficiarios directos: máis de 100 proxectos en marcha e nove institucións privadas e públicas con presenza directa tirando partido dos seus servizos, ás que se espera que se sumen en breve outras moitas. Segundo fixo saber a Universidade, a facturación agrupada das unidades de negocio de todas as entidades ligadas a CITEXVI, en 2010, ascendeu a preto de 10 millóns de euros.
Entre as previsións subministradas, estímase que a Cidade chegue a acoller o traballo de máis de 250 profesionais de tódolos eidos da alta tecnoloxía actual (arestora son uns 80). Ás empresas novas que xa lle están tirando o máximo partido, ou están a piques de facelo, cómpre engadir o aval achegado por outras firmas de meirande experiencia, que xa amosaron o seu compromiso coa iniciativa dende a súa orixe: Telefónica, Televés, Indra, Egatel, Ineo, R ou Tele2 Comunitel do sector TIC; Gas Natural, Inditex, Finsa, Philips, GOC e Schneider ou CENTUM, empresa do sector de alta tecnoloxía. O gran obxectivo, engádese dende a Universidade de Vigo, é que “CITEXTVI contribúa á creación de emprego cualificado e, de forma especial, ao desenvolvemento de Galicia e de sectores estratéxicos como: telecomunicacións, tecnoloxías da información, enerxía e medio ambiente, ciencias mariñas, biomedicina e tecnoloxías agroalimentarias”.
Visita a GRADIANT
Tras a inauguración do CITEXVI, a ministra de Innovación e Ciencia, Cristina Garmendia e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, visitaron GRADIANT acompañados de Abel Caballero, alcalde de Vigo, e Salustiano Mato, presidente de CITEXVI. Puideron explorar as novas instalacións do Centro, quedando gratamente sorprendidos polo nivel de desenvolvemento tecnolóxico dos seus proxecto. Videovixilancia avanzada biometría redes de novas xeración móbiles, mobiliario intelixente… foron explicados con detalle polos investigadores do Centro.
Fernando Pérez, director xeral de GRADIANT, recibía as autoridades á entrada do local e exercía de guía ao longo dos 600 m² que GRADIANT ocupa actualmente en CITEXVI. O traslado de GRADIANT a CITEXVI supón, segundo a propia dirección do centro, ocupar unha oficina «que é un reflexo dos valores que asumiu o centro. Trátase dun espazo diáfano, nun edificio intelixente e enerxeticamente eficiente. Sen despachos e grazas á rotación semestral dos postos de traballo, facilitan o intercambio de coñecementos e a síntese de novas ideas. Sen compartimentos estancos, materiais nin conceptuais, é a mellor receita para estimular a creatividade».
