O Goberno galego aprobou esta mañá durante o Consello da Xunta a licitación dun servizo de xestión integral da súa rede de telecomunicacións por un importe de 2,2 millóns de euros para o período 2011-2013. O novo servizo, que se licitará proximamente, permitiralle á Administración autonómica mellorar a xestión da súa rede corporativa que conecta máis de 3.000 unidades administrativas, organismos e centros dependentes da Xunta.
Este servizo realízase desde un único punto de atención, o Centro de Xestión de Rede (CXR), que garante a continuidade dos servizos de telecomunicacións da Xunta e mantén unha dispoñibilidade da rede superior ao 99,9%.

O CXR manterá un servizo de coordinación permanente as 24 horas do día os 365 días do ano para supervisar, detectar e diagnosticar calquera incidencia de hardware ou software que poidan xurdir na rede, nos máis de 4.500 equipos de comunicacións que lle dan servizo a máis de 60.000 dispositivos informáticos conectados e máis de 21.000 liñas telefónicas. Esta unidade xestionará de forma centralizada as notificacións de avarías e as peticións de modificacións de calquera característica técnica ou administrativa da rede, tendo tamén como obxectivo principal a maximización do aforro e a optimización dos custos dos servizos, analizando e controlando o gasto da telefonía fixa e móbil e os servizos de datos, na procura da mellora continua.
A Xunta mellorará a xestión das súas telecomunicacións
Compartir Este Artigo
