O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) da Consellería de Traballo e Benestar organiza o vindeiro día 22 de setembro, de 9:30 a 13:30 horas, un seminario técnico sobre desenvolvemento de servizos web con tecnoloxía Java EE 6 impartido por Oracle que terá lugar no salón de actos do CNTG.
O seminario, cuxo prazo de inscrición estará aberto dende o 22 de agosto ata o 21 de setembro, está dirixido preferentemente a persoas con coñecementos de programación Java ou ben profesionais interesados que, coñecendo outras linguaxes de programación, desexen saber da potencialidade e o carácter óptimo de Java no desenvolvemento de servizos web.
A xornada partirá dunha introdución as características e vantaxes dos web services para, a seguir, centrarse en servizos web baseados en JAX-WS, SOAP e WSDL. A primeira parte do acto estará orientada a contidos teóricos para posteriormente amosar un exemplo de uso e aplicación dun servizo web.
O relator do seminario será Carlos Zárate, instrutor de Oracle University e especialista en desenvolvemento de aplicacións SOA e BPM.
O acceso, previa inscrición a realizar en liña a través do portal web do CNTG, é de balde e condicionado ao aforo do local.
Cómpre lembrar que ata o día 13 de setembro está aberto o prazo de inscrición para anotarse ao curso de Configuración de servizos de seguridade corporativa para contornas Linux e Microsoft que comezará o luns 26 de setembro. É posible achegar máis información sobre a actividade e a súa inscrición no apartado correspondente da páxina web do CNTG.
O vindeiro 27 de setembro tamén terá lugar nas instalacións do CNTG un Technet Microsoft orientado a cloud services e Windows Azure, dentro da xira El Camino a la Nube, podendo consultarse o seu programa e formalizarse a inscrición na súa páxina web.
O CNTG acolle un seminario sobre servizos web con tecnoloxía Java EE 6
Compartir Este Artigo
