A Dirección Xeral de I+D+i da Xunta de Galicia, co apoio do IGAPE e en colaboración con INEO, organizará nas próximas semanas tres misións de transferencia de coñecemento e tecnoloxía con destino a India, China e México e incluídas no Plan de Internacionalización para Empresas Innovadoras e de Base Tecnolóxica da Xunta de Galicia.
O primeiro destino destas misións será India. Do 12 ao 17 de setembro, empresas TIC e de biotecnoloxía viaxarán a Gurgaon, Noida e Nova Delhi para impulsar a transferencia de coñecemento e tecnoloxía con universidades, centros de investigación e centros tecnolóxicos deste país asiático.
O mesmo obxectivo terán as empresas participantes na misión a China, dirixida tamén aos sectores TIC e biotecnolóxico e que se desenvolverá entre o 25 de setembro e o 1 de outubro, nas cidades de Pequín e Shanghai.
A misión a México, centrada nos sectores TIC e de enerxías renovables e alternativas, terá lugar entre o 8 e o 15 de outubro. Está prevista a visita a Cidade de México, Querétaro e Celaya, localidades onde se concentran importantes organismos e institucións vinculados á cooperación tecnolóxica internacional.
De feito, o obxectivo común a este tres misións é promover o contacto e intercambio de experiencias e oportunidades de colaboración entre empresas galegas e centros de investigación, de desenvolvemento tecnolóxico e universidades, para impulsar a expansión internacional dos sectores TIC, biotecnolóxico e de enerxías renovables e alternativas nestes países de Asia e América.
Axudas para a participación
Co obxectivo de favorecer a participación de empresas galegas nestas misións de transferencia de tecnoloxía, o IGAPE subvencionará entre o 50% e o 60% da base impoñible do custo por participante.
O prazo de inscrición para participar nas misións de India e China finaliza o vindeiro xoves 1 de setembro; pola súa banda, o prazo para inscribirse na misión de México prolóngase ata o 20 de setembro.
Os interesados poden remitir os formularios (Misión a India – Misión a China – Misión a México) por correo electrónico e solicitar máis información a INEO, no número de teléfono 902 905 510. As prazas son limitadas, polo que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición.
Aposta pola internacionalización do sector TIC
A celebración destas misións de transferencia tecnolóxica a China, India e México inclúese no programa de actividades desenvolvido por INEO para promover a expansión internacional das empresas TIC con sede en Galicia.
Así, INEO colaborou nos últimos meses con distintas organizacións empresariais para promover e participar en misións tecnolóxicas ou comerciais con destino a diversos países, como Israel, Colombia, Bogotá, Brasil, Chile, México ou Romanía.
O obxectivo é contribuír á apertura de novos mercados para o sector TIC e fomentar a cooperación tecnolóxica entre empresas galegas e organizacións e institucións de referencia en I+D de países cun gran potencial de crecemento.
Empresas tecnolóxicas galegas viaxarán a India, China e México para dar un pulo á súa internacionalización
Compartir Este Artigo
