Agora que en boa medida temos a tecnoloxía, só falta incidir nas súas múltiples aplicacións. Un ámbito de traballo especialmente interesante é, sen dúbida, todo o que teña que ver coa transformación das cidades nas que vivimos en algo como accesos múltiples e universais á información que precisamos. Nesta liña de incluír no tecnolóxico-dixital o que decote se viña facendo de xeito presencial e empregando esforzos, papel e tempo, é onde se move a empresa galega Contact Comunicación, con sede na Tecnópole de San Cibrao das Viñas, en Ourense. A súa arela é crear un contorno urbano onde o coñecemento estea na pantalla do noso móbil, tan preto como nos poidamos imaxinar. Niso consiste o seu servizo Orama.

A canle foi desenvolvida, como dixemos antes, por Contact Comunicación, unha empresa galega especializada na procura de novas ferramentas de información para os diferentes tecidos produtivos, ferramentas máis eficaces para os anunciantes, menos invasivas para os usuarios e máis respectuosas co medio.
Segundo se fai saber na tenda de Apple (así como no Android Market), na que está dispoñible Orama, estamos ante unha aplicación encamiñada á promoción de todo tipo de actividades e a localización de puntos salientables dentro dunha cidade. “Por exemplo”, explícase, “estando situados no centro de Madrid, poderemos ver os eventos que se están a levar a cabo nunha contorna de 20 kms á redonda, así como lugares senlleiros da cidade que pague a pena visitar”.
Vídeo de prensetación de Orama
Orama: tecnoloxía galega para converter o móbil nunha xanela á información da nosa cidade
Compartir Este Artigo

