Hoxe ás 20:00 horas, na Sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, COAG, na Praza da Quintana de Santiago de Compostela, terá lugar a Presentación do Premio Nacional de Urbanismo 2010, concedido ao Proxecto Terra, un portal educativo froito da colaboración entre o COAG e o Departamento de GIS do Centro de Supercomputación de Galicia.
O premio recolleuse en Madrid hai uns días, pero agora os responsables do proxecto quixeron celebrar este acto para compartir o galardón co resto de socios, entre os que figura o Departamento de Sistemas de Información Xeográfica (GIS) do Centro de Supercomputación de Galicia, que soportou a parte técnica e cartográfica.
A achega do CESGA ao proxecto centrouse no desenvolvemento dunha interface web para a consulta e explotación do servizo de mapas cartográficos de Galicia como ferramenta, instrumento e recurso didáctico nos centros educativos de primaria e secundaria de Galicia. Adicionalmente os sistemas de información xeográfica asociados a Terra atópanse aloxados nos servidores do CESGA.
Esta é a primeira vez que se lle concede este premio a unha iniciativa educativa, sendo o maior recoñecemento existente no estado español a un traballo sobre urbanismo, e que ata agora sempre se concedían a actuacións urbanísticas específicas. Este recoñecemento supón un respaldo moi importante cara á continuidade do proxecto nestes momentos de tantas dificultades.
Proxecto Terra
O Proxecto Terra púxose en marcha no ano 2000 para achegar a arquitectura, o urbanismo e o desenvolvemento territorial galegos aos máis pequenos. O proxecto consiste en desenvolver e pór a disposición de profesores e alumnos materiais didácticos sobre estas materias adaptadas aos distintos niveis do Ensino Obrigatorio (Infantil, Primeira e Secundaria).
Este material en forma de libros de texto, cadernos de exercicios, audiovisuais, cómics e sistemas de información xeográfica, compleméntase con actividades: desde visitas guiadas ás capitais galegas para coñecer in situ o aprendido en clase, ata intercambios territoriais para que tomen conciencia do territorio construído en Galicia baixo distintas formas e como ha ir evolucionando no tempo o uso e ordenamento do territorio.
Neste caso, o xurado valorou que desde un colectivo profesional vinculado á arquitectura e o urbanismo, fágase uso da educación obrigatoria como “un recurso imprescindible para o cambio cara a un modelo de desenvolvemento sustentable do territorio e da arquitectura”.
En Proxecto Terra colaboran o CESGA, a Xunta de Galicia, Televisión Española e o ONCE. En canto ao Premio Nacional de Urbanismo, o xurado compono entre outros representantes da FEMP, e do Instituto Pascual Madoz de Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente da Universidade Carlos III de Madrid.
O Proxecto Terra recibe o Premio Nacional de Urbanismo
Compartir Este Artigo
