A Tecnópole, o Parque Tecnolóxico de Galicia de San Cibrao das Viñas (Ourense), vén de informar do remate do proceso de virtualización dos seus servidores. Esta aposta do complexo galego pola computación na nube (que consiste en facer no dixital, con todas as vantaxes que isto implica, unha boa parte do que antes faciamos na oficina seguindo procesos tradicionais), vai dirixida a permitir máis flexibilidade, máis fiabilidade e máis aforro de enerxía. Os traballos foron despregados por Conexiona Telecom, empresa con sede na Tecnópole que achegou a infraestrutura de cloud computing precisa para dar acubillo aos servidores do complexo empresarial.
Grazas a isto, sinala a Tecnópole xa nun plano máis específico, resolveranse unha boa parte dos problemas de xestión e de control dos datos que esixía ter sistemas propios off line: “A antigüidade dos servidores anteriores esixía un importante investimento para a adquisición de novo equipamento e esta foi substituída por un aluguer que inclúe o servizo de mantemento e solución de incidencias, así como todas as actualizacións precisas para o seu funcionamento nas mellores condicións”.
A elección de Conexiona como provedor, informa o parque ourensán, debeuse ao alcance dos seus recursos de hardware e software, que permite un aproveitamento da capacidade de procesamento dos seus servidores próximo ao 100% e, en consecuencia, a posibilidade de proceder ao apagado e arranque destes baixo demanda.
Tecnópole emprega tecnoloxía galega para a virtualización dos seus servidores
Compartir Este Artigo
