
O obxectivo deste seminario é informar e concienciar aos xuristas dos avances en materia probatoria nos casos en que interveña o factor informático no proceso, así como dos importantes beneficios da incorporación e uso das novas tecnoloxías no propio proceso xudicial. Co seminario tratarase ademais de sensibilizar sobre a axuda que poden prestar os peritos informáticos nas causas xudiciais e as claves de valoración da proba informática.
A apertura do evento en na cidade das Burgas contou coa presenza do subdirector xeral de Calidade, Interoperabilidade e Seguridade, Jaime Barros, quen fixo saber que “para a Xunta, a Administración de xustiza constitúe unha área prioritaria de desenvolvemento e para progresar no emprego das novas tecnoloxías neste ámbito puxo en marcha o pasado ano o Plan Senda 2014”. Esta iniciativa constitúe a “primeira folla de ruta” para afianzar as TIC no eido da Xustiza a través de accións dirixidas a optimizar o traballo desenvolvido no seu seo ou a renovación das infraestruturas informáticas. Barros tamén lembrou que estamos perante un traballo complexo, o da dixitalización do ámbito xudicial, porque non se trata só de mellorar os equipamentos e os sistemas de comunicación, senón tamén de promover a formación axeitada entre as persoas que desenvolven o seu labor neste eido, cousa imprescindible para un bo aproveitamento e uso dos sistemas. Un dos obxectivos, neste senso, é avanzar a cara ao expediente electrónico dixital. O subdirector sostén que se vai polo bo camiño, proba disto, dixo, é que no primeiro semestre de 2011, “máis de 350.000 notificacións desde os órganos xudiciais cara outros operadores xurídicos xa se fixeron de feito telemático e que nos últimos 12 meses mais de 1.400 funcionarios públicos participaron en cursos de formación sobre o uso dos sistemas de xestión procesual”.
O seminario que se celebra ata hoxe en Ourense e que reúne a uns 40 profesionais da Xustiza, tamén contou coa participación do avogado e blogueiro Víctor Salgado, e do fiscal especializado en Criminalidade Informática da provincia de Pontevedra, Luis María Uriarte, que abordou o tema da proba electrónica e a súa importancia no proceso xudicial. Ambos relatores estarán este venres en Pontevedra. Volvendo a Ourense, dicir que hoxe intervén o xefe do Grupo de Delitos Telemáticos da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Gonzalo Sotelo, que disertará sobre a o protocolo forense en probas electrónicas. Esta segunda xornada formativa completarase co relatorio do perito do Corpo Oficial de Peritos do Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), Miguel Abal, que abordará na súa intervención o tema da práctica pericial informática. Ambos relatores foron os encargados de inaugurar este xoves o seminario en Pontevedra.
O CPETIG avalía os avances galegos en informática xudicial en Ourense, Pontevedra e Santiago
Compartir Este Artigo
