A Secretaría Xeral de Modernización e a Consellería de Xustiza, a través do Proxecto Kronos, veñen de informar que un total de 3.000 empregados públicos da Xunta e da Xustiza, terán na súa man, co comezo do vindeiro ano, a tarxeta intelixente que os acredita de xeito dixital, regula o control horario e “abre a porta a futura regulación da flexibilidade horaria e o teletraballo”. Segundo se engade dende a web do IMIT, estamos perante un novo avance da primeira fase do Proxecto Kronos, unha iniciativa que se dirixe a posibilitarlles aos traballadores públicos achegar sinaturas dixitais nos documentos dos procedementos telemáticos.
Con esta medida, incide a Xunta, o Goberno galego “proporciona aos profesionais da Administración unha das ferramentas necesarias para avanzar cara a verdadeira Administración Electrónica e garantir aos cidadáns o seu dereito a relacionarse de xeito electrónico coas institucións públicas”.
Esta iniciativa, que se insire no Plan de Modernización da Administración (dirixida a habilitar espazos institucionais abertos as 24 horas e os 365 días do ano, amais de cumprir coa política de cero papel, entre outros obxectivos), foi desvelada en todo detalle durante a mañá deste martes 11 pola secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira durante unha visita ao Punto de Acreditación Dixital de San Caetano na que estivo acompañada do director xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Jaime Bouzada e do director xeral da Función Pública, José María Barreiro.
No acto tamén se fixo fincapé nos obxectivos e no desenvolvemento de Kronos, que arestora xa comezou a dar os seus primeiros pasos entre o persoal da Consellería de Presidencia e da Secretaría Xeral de Modernización, contemplándose actuacións a curto, medio e longo prazo, sendo a súa extensión inminente entre os traballadores da Consellería de Facenda, da Dirección Xeral de Asesoría Xurídica, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e da Inspección de Consumo. Das 3.000 tarxetas que se distribuirán nesta fase de implantación, 1.500 corresponden aos citados departamentos da Administración Autonómica e outras 1.500 se destinarán a persoal da Administración de Xustiza.
3.000 empregados da Xunta e da Administración de Xustiza terán en breve tarxeta con sinatura dixital
Compartir Este Artigo
