
Na entrega de galardóns fixo acto de presenza o reitor da Universidade, Salustiano Mato, quen fixo fincapé na necesidade de dar saída, de materializar, toda a creatividade empresarial dos campus. “A falta deste espírito emprendedor é unha das eivas da universidade española”, dixo, e avogou por seguir traballando para potenciar a innovación e a transferencia entre o alumnado porque “estas iniciativas nacen cando as mentes son máis creativas, cando se empapan de coñecemento”.
Detrás das dúas iniciativas premiadas, ambas en igualdade de condicións con 2.500 euros, emprázanse tres enxeñeiros industriais. Carlos Merino e Jorge Firvida son os autores do proxecto sobre o aproveitamento de efluentes de CO2 no eido vitivinícola e explican que a idea é cubrir un oco no mercado que ata agora estaba baleiro nun sector como o do viño. “A idea”, comentaron, “é empregar ese CO2 para potenciar o cultivo de microalgas con aplicacións na industria cosmética, na medicina e mesmo no biodiesel, explican os enxeñeiros”.
O outro enxeñeiro premiado é Miguel López, que apostou por un proxecto para a creación dunha firma que comercialice a tecnoloxía para picosatélites Cubesat. Esta iniciativa, seleccionada para a fase final de Emprendedor do Ano, baséase na achega ao mercado “dunha tecnoloxía xa desenvolvida e que será aprobada cando se lance o proxecto do picosatélite”.
Entregados os premios de espírito emprendedor e innovador da Universidade de Vigo
Compartir Este Artigo
