Este venres celébrase na nosa terra un acontecemento de importancia para o porvir da nosa lingua e, tamén, da nosa investigación. Falamos do Día da Ciencia en Galego, un evento no que están a participar arreo os nosos servizos de dinamización lingüística de tódolos niveis académicos (incluídos os das universidades) na procura de tirar abaixo a falsa crenza de que o galego non pode estar presente en tódolos eidos do coñecemento, ata nos máis específicos e innovadores. Nesta liña tamén se quere situar a Secretaría Xeral de Política Lingüística, que conmemora o Día da Ciencia en Galego poñendo á nosa disposición, na súa web, recursos e datos diversos para “avanzar na consolidación do galego” na investigación.
En boa medida, as informacións achegadas refírense ás accións preparadas hoxe e os días vindeiros para celebrar a devandita efeméride, que é extensible a todo o mes e que se insire na celebración europea da Semana da Ciencia. Serán actividades a levar a cabo nas facultades da Universidade de Santiago e máis en centros educativos de primaria e de secundaria, abranguéndose tamén programas de divulgación como ConCiencia ou feiras científicas do nivel de Galiciencia. Asemade, están xa na devandita web diversos recursos audiovisuais sobre este eixe temático, como por exemplo os capítulos de Ben Falado, reportaxes na canle de televisión en liña Linguagaleta.tv ou o vídeo da campaña En galego tamén se fai ciencia. “A web”, informa Política Lingüística, “tamén recupera algúns protagonistas da modernización científica, cultural e educativa de Galicia no século XX a través do Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega e do portal Galeguizar Galicia”.
Por outra banda, lembrar que tamén se incorpora, de interese para os centros de ensino, material específico práctico, “desde pautas e recomendacións para que os alumnos e alumnas poidan realizar un bo traballo de investigación ata diversos boletíns de ciencia e tecnoloxía promovidos polos equipos de dinamización da lingua galega”. A maiores, cómpre ter en conta que os centros de primaria e secundaria tamén poden festexar esta data a través de videoconferencias con investigadores de primeira liña. A todo isto hai que engadir os recursos de investigación en liña que acolle a páxina web da secretaría xeral, achegándose canles directas para darmos conta do labor de entidades como o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, o Instituto da Lingua Galega, a Real Academia Galega e as tres universidades de Galicia. “O froito do seu traballo, que supuxo importantes avances nos últimos anos, tradúcese en proxectos de alta relevancia social sobre ámbitos como a sociolingüística, a lexicografía ou a terminoloxía”, informa o devandito departamento da Xunta.
Política Lingüística tamén celebra na súa web o Día da Ciencia en Galego
Compartir Este Artigo
