As cousas que non sen fan co acompañamento da diversión e da motivación é ben probable que se deixen de facer. Esta é unha das razóns, entre outras, de que moitas persoas abandoen o seu exercicio físico regular ao pouco de poñelo en marcha. Se a isto lle engadimos uns horarios laborais difíciles de compaxinar coas actividades de lecer e un incorrecto programa de exercicios, entón a cousa está clara: estaremos cada ano comezando e rematando, xeralmente en primavera, que é cando nos entran as présas para reducir volume. Para axudarnos, está a coller corpo o proxecto Dittit, unha plataforma en liña para lograr que sexamos constantes en cousas como o fitness e outras actividades físicas.
O sistema en desenvolvemento inclúe entre outras cousas un sistema de sancións financeiras (con destino social, iso si) para asegurar que non se rompe o compromiso co que se partiu. Asemade, incorpora probas de vídeo, emprazando aos usuarios a partir do seguinte punto: a creación dunha proba audiovisual a través dunha aplicación dispoñible para iPhone, Android ou Internet, que lles permitirá “demostrar que cumpriron os seus obxectivos e, en caso de fracasar ou non levalos a cabo, obrigalos a pagar 70 céntimos que se doarán a fins benéficos”. O servizo, informan os seus responsables, permitiría aumentar as ratios de éxito, a longo prazo, ata nun 85%.
A plataforma, que se abrirá tamén a ximnasios e clubes deportivos (como medio para instrutores e adestradores “de engadir valor aos seus servizos”), está estes días competindo xunto con outras nove ideas empresariais no certame Startupbootcamp, o que significa que neste intre Ditit está a deixar atrás o estado de “idea” para transformarse en negocio. Sinalar que Startupbootcamp é un programa europeo de investimento, a desenvolver ao longo dos vindeiros 3 meses en Madrid. Podemos ver máis información de Dittit na rede social Twitter ou no Facebook. A curiosa proposta, que podemos ver detallada polo miúdo en Ojointernet.com, vén da man de dous norteamericanos afincados en España, Eddie e Steve Salazar.
Dittit: plataforma en liña para axudar aos deportistas a seren constantes
Compartir Este Artigo
