
Ao acto de posta en marcha oficial acudiron representantes das oito institucións e entidades que a conforman: a incubadora de empresas da USC (Uninova), a Universidade da Coruña, a Fundación Universidade de Vigo, Tecnópole-Parque Tecnolóxico de Galicia, a Cidade Tecnolóxica de Vigo (CITEXVI), a Fundación CEL, o Centro de Empresas e Innovación CEI-Nodus de Lugo e o Centro de Iniciativa Empresarial A Granxa do Consorcio Zona Franca de Vigo (CZFV-CEI A Granxa).
Logo da presentación desenvolvida polo reitor da USC, Juan Casares, en calidade de presidente da Rede, interviñeron os reitores de Vigo e A Coruña, Salustiano Mato e José María Barja, vicepresidentes da Redincuba. Na sinatura da acta constitutiva interviñeron, tamén, o alcalde de Lugo, José López Orozco, como presidente do CEI-Nodus; a delegada especial do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo, Mª Teresa Pisano, en representación do CEI A Granxa; o director xeral de I+D+i da Xunta de Galicia e o conselleiro delegado do Parque Tecnolóxico de Galicia, Ricardo Capilla; o xerente de CITEXVI, Manuel Joaquín Aranda; e o presidente executivo da Fundación CEL, Luis García Santalla.
Xuntos fixeron fincapé nos obxectivos de Redincuba, que como dixemos pasan por impulsar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais tecnolóxicas e innovadoras e, tamén, por defender e representar os intereses xerais das incubadoras asociadas e do conxunto do sector. Asemade, prestará especial atención na busca de apoios, por parte dos organismos competentes, a prol do mantemento do proxecto. Neste senso, seguirase a metodoloxía do benchmarking entre incubadoras, amais de traballa na creación de redes de expertos que permitan ofrecer servizos avanzados en consultaría de empresas.
Segundo engadiron as entidades responsables da iniciativa, “Inclúense entre os ámbitos de actividade deste colectivo a mellora da produtividade das empresas promovidas, contribuíndo a incrementar e dinamizar a actividade económica e favorecendo o desenvolvemento equilibrado do territorio en base á mellora do emprego”. Asemade, farase fincapé na formación na xestión de I+D+i, “con iniciativas específicas dirixidas ao persoal dos asociados e das empresas promovidas”.
Redincuba colle corpo da man de oito entidades galegas comprometidas co emprendemento
Compartir Este Artigo
