
EGANET participa na organización do evento e tamén no propio miolo da feira, xa que contará cun stand de seu no espazo Garaxe, dedicado á divulgación das novas tecnoloxías do coñecemento, os novos medios e a produción audiovisual. Esta presenza, sinala a asociación, será sen dúbida especialmente frutífera, ao ser as TIC un complemento imprescindible para o alicerce de Culturgal… e viceversa. De feito, EGANET e as súas empresas compartirán espazo con produtoras independentes, medios de comunicación e tendas en liña. “Este espazo”, informa a asociación, “terá moito movemento, xa que algúns dos medios farán os seus programas en directo dende alí, proxectarase material audiovisual variado e haberá presentacións de filmes e demostracións de produtos tecnolóxicos orientados á cultura”.
O programa do Culturgal 2011, con todo, é algo máis que tecnoloxía ao servizo da cultura e o turismo. En realidade, moito máis. De feito e segundo nos lembra EGANET, abrangue as múltiples manifestacións culturais que abrollan dende Galicia, desde a danza ata a música, do teatro á gastronomía. O Pazo da Cultura de Pontevedra será o escenario do evento, proposto literalmente como un clásico fogar, cos seus cuartos ou dormitorios “ideados segundo as necesidades das máis de 130 actividades e 73 postos que se darán cita neste fogar da cultura galega durante a fin de semana”. O espazo de encontro e de diálogo será o mesmo que adoitamos a dedicar, de termos unha casa grande, ao encontro, ao diálogo e, de habelas, ás actuacións: o patio. Disporá dun bar con programación interrompida de showcases de música, teatro e danza, un menú degustación co que o público poderá saborear o que está a cocerse no panorama cultural máis actual. Por certo que tamén haberá actividades na rúa e noutros recontos da cidade e mesmo unha estancia para os nenos, no propio Culturgal, onde se desenvolverán roteiros literarios, obradoiros e todo tipo de xogos.
EGANET reforza o seu compromiso con Culturgal, onde amosará o potencial creativo das TIC
Compartir Este Artigo

